iPhone Pocket: a funda calcetín para o móbil transfórmase nun produto de luxo

martes, 11 de novembro do 2025 Marcus Fernández

Apple anunciou nos EE.UU. o lanzamento do iPhone Pocket, un accesorio deseñado en colaboración coa firma xaponesa Issey Miyake que propón un novo xeito de transportar o iPhone e outros obxectos de uso diario. O produto estará dispoñible a partir do vindeiro venres en mercados como Francia, Italia, Xapón, China, Corea do Sur, Reino Unido e Estados Unidos, polo que previsiblemente se converterá nun obxecto de desexo para os incondicionais españois da compañía da mazá.
Inspirado no concepto de un anaco de tea, o iPhone Pocket destaca pola súa construción tridimensional de punto, desenvolvida en Xapón tras un proceso de investigación e deseño conxunto entre o Miyake Desgin Studio e o Apple Design Studio. O accesorio conta cunha estrutura aberta e acanalada que lembra ás icónicas prendas da marca xaponesa, capaz de expandirse para gardar tanto o iPhone como outros obxectos. A súa textura permite ver parcialmente o contido e mesmo consultar a pantalla do dispositivo sen retiralo.
O deseño aposta pola versatilidade: pode levarse na man, atarse a bolsas ou usarse directamente sobre o corpo. Apple e Issey Miyake destacan que a proposta busca celebrar a unión entre estética universal e funcionalidade, permitindo que cada usuario interprete e combine o accesorio ao seu gusto. A paleta de cores foi pensada para mesturar con todos os modelos de iPhone, ofrecendo opcións de personalización. O modelo con correa curta está dispoñible en oito cores, mentres que o de correa longa chega en tres.
O iPhone Pocket preséntase como unha edición especial. O prezo de venda en Francia é de 159,95 euros para o modelo curto e 249,95 euros para o longo