iPhone de imitación por só 179 dólares

mércores, 11 de xullo do 2007 Marcus Fernández

Comparación entre o iPhone e o Cect P168A aparición do iPhone no mercado disparou o lanzamento doutros terminais de telefonía móbil con pantalla táctil, pero o que resulta máis abraiante é que aparezan auténticas imitacións chinesas que se xacten de tal, comparándose co iPhone e comercializándose a un prezo moi inferior. Tal é o caso do Cect P168 que presentando unha aparencia moi semellante á do móbil de Apple, só custa 179 dólares (130 euros) e que ten unhas especificacións bastante completas: aparte da pantalla táctil de 3 polgadas e unha resolución de 320 x 240 píxeles, inclúe 1 Gb de SRAM, unha cámara de 2 Mpíxeles, reproduce ficheiros MP3 e MIDI e é capaz de reproducir e gravar ficheiros MPEG4. Tamén pode funcionar coma gravador de son, permite a descarga de software, inclúe unha fenda para tarxetas de memoria T-Flash, navegador WAP 1.2.1, calculadora, 3 xogos, 3 alarmas, programa de mensaxería, altofalante para o seu uso coma mans libres e permite enviar tanto SMS coma MMS. Ten unha autonomía de 120 minutos en conversa e 200 horas en espera, cargándose mediante un porto USB 2.0.
Así, este terminal de 117 x 65 x 17 mm e 125 gramos de peso pode conectarse a redes GSM/GPRS de xeito que podería dar o pego coma un iPhone, aínda que estea lonxe de comercializarse en Europa e teña un prezo moi superior.

PUBLICIDADE