iUnika Gyy, o ultraportátil sostible

xoves, 14 de maio do 2009 Marcus Fernández

Durante os pasados días falábase dun prometedor ordenador que prometía ser ecoeficiente, barato, altamente portátil (pequeno e lixeiro), baseado en software libre e da man de dous emprendedores madrileños, Ángel Blázquez e Pablo Machón, e finalmente presentouse en sociedade o iUnika Gyyy, un ultraportátil de baixo custo cunha carcasa de bioplástico (reciclable), unha pantalla de 8 polgadas cunha resolución de 800 x 480 píxeles, un procesador MIPS a 400 MHz, 128 MB de RAM, disco Flash de 1 Gb (ampliable mediante tarxetas SD), Wi-Fi, Ethernet, 2 USB e entrada e saída de audio. Pesa 700 gramos, ten unha autonomía de 4-5 horas e conta con características opcionais coma modem GPRS integrado ou placas solares para cargar a súa batería, de xeito que configuran 3 modelos que sairán a prezos de entre 130 e 200 euros.
É inevitable pensar que este novo equipo que chegará ao mercado a primeiros de xullo presenta moitas semellanzas cos primeiros ultraportátiles que se puxeron á venda, polo que aínda que conte cunha coartada ecolóxica, estariamos a falar un paso atrás no que a tecnoloxía se refire (aínda que as súas características poden facelo interesante para mercados emerxentes).

PUBLICIDADE