iVoox abre novas posibilidades para a monetización de podcasts
mércores, 25 de maio do 2022
O podcasting está a vivir un momento doce, cun grande
crecemento de usuario e interesantes propostas que chegaron en boa medida
grazas á aposta de Spotify polo medio, pero no caso español a plataforma que
máis está a apostar polos podcast é iVoox, con máis de 5 millóns de usuarios
únicos ao mes nas súas aplicacións, que está
a centrar as súas actividades na monetización para poder así reter talento
e contidos de calidade.
Dentro das vías que ofrecen aos creadores de contidos está o feito de poder
permitir apoios económicos recorrentes por parte da audiencia, ou sexa,
subscricións de pagamento, o que até o momento limitábase a usuarios que
utilizaban a aplicación de iVoox como reprodutor de podcasts, pero que agora
muda, ampliando audiencia, xa que permitirá que os creadores poidan crear feeds
privados e integracións co resto de agregadores de podcasts, polo que usuarios
doutras aplicación poderán gozar de episodios exclusivos para mecenas, o que é
un importante incentivo para os usuarios (xa que en moitos casos amosan un
claro rexeitamento a usar a aplicación de iVoox, pola súa baixa calidade ou
simplemente por non ser o seu xestor de podcasts habitual).
Para continuar a impulsar o crecemento e a monetización do podcasting, iVoox tamén
está a traballar na organización de podcasts en directo, para o que a compañía ofrece
á súa rede de creadores dende a contratación da sala para o evento e a xestión
e promoción do mesmo e incluso a venda de billetes. Confían en que este formato
non só sexa unha nova canle de monetización, senón que tamén axude a fornecer o
vencello entre os creadores e o seu público.
Os primeiros eventos deste tipo terán lugar os vindeiros 18 de xuño e 9 de
xullo cos directos dun par de iVoox Originals de misterio con grande
popularidade: Caverna
de Ánimas e La
Posada del Cuervo.