iZettle facilita os pagamentos con tarxeta de crédito dende móbiles ou tablets

xoves, 13 de decembro do 2012 Marcus Fernández

Poder aceptar pagamentos con tarxetas bancarias pode ser un problema, especialmente en mobilidade, e para solucionar este problema iZettle chega a España cunha solución que permite converter smartphones e tablets en puntos de venda mediante o uso dun adaptador dispoñible para o porto tradicional dos trebellos de Apple ou dun modelo para unha toma de auriculares estándar que, en combinación cunha aplicación para iOS ou para Android (existe unha completa listaxe de móbiles compatibles) permite aceptar pagamentos con tarxeta cunhas condicións bastante vantaxosas: cobran unha comisión do 2,75% por transacción, cos adaptadores para a lectura de tarxetas bancarias de balde por tempo limitado (funcionan con tarxetas MasterCard, VISA e American Express). O servizo carece de contratos de longa duración e de comisións fixas.
O funcionamento de iZettle é moi doado: a través da súa aplicación hai que introducir o importe a pagar, inserir a tarxeta ao lector, solicitar ao cliente que asine directamente na pantalla do noso terminal móbil para verificar o pagamento e poder optar logo á impresión do correspondente recibo ou o seu envío por correo electrónico.
O servizo de pagamentos de iZettle está dispoñible tanto para empresas como para particulares, de xeito que tanto podería empregarse para un pequeno negocio como para un profesional que queira aproveitar esta posibilidade para cobrar polos seus produtos ou servizos.

iZettle tamén está dispoñible para moitos móbiles con Android

PUBLICIDADE