meMINI, unha cámara persoal que permítenos rescatar os últimos 5 minutos
luns, 13 de xaneiro do 2014
Nas vindeiras horas espérase que un proxecto
de micromecenado que busca facer realidade un novo trebello supere a súa
meta de 50.000 dólares para acadar o seu éxito, de xeito que no mes de xuño
podería chegar ás mans dos mecenas que apoian esta campaña as primeiras
unidades de meMINI, unha cámara para vestir que busca destacar fronte ás
cámaras tipo GoPro (e semellantes) polo feito de que permite rexistrar os nosos
momentos favoritos despois de que acontezan.
O que fará esta cámara de pequenas dimensións que podemos enganchar de xeito
doado á nosa roupa mediante un sistema de imáns é gravar en bucle vídeo de
entre 5 segundos e 5 minutos de duración, de xeito que, conservará o último
fragmento rexistrado se prememos o seu botón de Recall. As gravacións poderán logo pasarse ao ordenador por USB,
porto que tamén emprega a cámara para cargar a súa batería interna (de 1.800
mAh, o que achega unha autonomía de ata 3 horas).
- A cámara poderá controlarse mediante aplicacións móbiles
Os vídeos poderán subirse á plataforma de meMINI.com (o produto inclúe 2 Gb de
almacenamento na nube), facilitando que poidan compartirse por correo
electrónico ou redes sociais e o control da cámara e a xestión das gravación
poderá facerse mediante aplicacións móbiles.
A cámara meMINI mide 62,5 x 40 x 21,5 milímetros, grava vídeo en MP4 ata a
1.080p (con estabilización de imaxe), ten conectividade Wi-Fi N, Bluetooth 4 e
USB 2.0 e o seu almacenamento interno é de 32 Gb. O seu prezo a través de
Kickstarter parte dos 149 dólares (120 euros con portes).
- A cámara meMINI pode colocarse sobre a nosa roupa mediante un sistema de imáns