Mobilizarán 10 millóns de euros para a modernización tecnolóxica das PEME

martes, 8 de xullo do 2014 Redacción

O director do IGAPE, Javier Aguilera, salientou hoxe que os apoios concedidos ao abeiro do programa para impulsar a competitividade das PEME galegas do sector servizos mediante a modernización dos equipamentos tecnolóxicos mobilizarán 10 millóns de euros en proxectos de preto de 150 empresas, e permitirán a creación ou o mantemento de máis de 1.700 postos de traballo.
Aguilera destacou que as axudas aprobadas, un total de 4,7 millóns de euros, duplican as concedidas o ano anterior. Subliñou así mesmo que por primeira vez neste programa, no ámbito da nova Lei do Emprendemento, primáronse os proxectos desenvolvidos por empresas novas de ata 42 meses de funcionamento, unha de cada catro beneficiarias.
Estes apoios, cos que se impulsan proxectos con investimentos subvencionables entre 30.000€ e 200.000 euros, están especialmente dirixidos a empresas con vocación de crecemento e capacidade de modernizarse como medios para aumentar a súa competitividade. Ao mesmo tempo, o programa ten como finalidade contribuír ao crecemento sustentable e, en consecuencia, favorecer o emprego, con especial incidencia en colectivos que pertenzan a colectivos de difícil inserción, e a xeración de riqueza.
Os proxectos que veñen de ser aprobados impulsarán a modernización e mellora competitiva de pequenas e medianas empresas do sector servizos que abranguen áreas de actividade como as TIC e a informática, a enxeñaría, o turismo ou o medio ambiente.
O director do IGAPE informou así mesmo que, tamén co obxectivo de impulsar a capacidade de modernización das PEME galegas, veñen de concederse apoios por máis de 400.000 euros para a organización de 48 encontros ou xornadas técnicas destinadas á transmisión de técnicas, ferramentas e boas prácticas nos ámbitos da mellora da competitividade, do emprendemento ou da internacionalización.

PUBLICIDADE