nVIDIA completa a compra de Run:ai

luns, 30 de decembro do 2024 Redacción

A compañía israelí Run:ai conseguiu chamar atención de nVIDIA ao dedicarse a axudar a administrar e optimizar infraestruturas de hardware para a intelixencia artificial, e a compañía de Jensen Huang leva dende abril querendo pechar a súa adquisición, meta que vén de conseguirse, de xeito que Run:ai xa forma parte de nVIDIA.
Dende Run:ai manteñen a súa intención de axudar aos seus clientes a tirar o máximo proveito das súas infraestruturas de IA, ofrecendo ao ecosistema máxima flexibilidade, eficiencia e optimización para sistemas GPU, onde queira que estean: en local, na nube a través de solucións nativas, ou en nVIDIA DGX Cloud, co-desenvolvido cos principais provedores de servizos na nube (CSP).
Tamén anuncian que van facer o software de Run:ai de código aberto para axudar á comunidade a construír unha IA mellor e máis rápida. Aínda que Run:ai actualmente só soporta as GPU de nVIDIA, ao facer o software de código aberto permitirase estender a súa dispoñibilidade a todo o ecosistema de IA.
Trátase dunha interesante proposta na que queda clara a intención de nVIDIA de captar talento, pero tamén evidencia a súa aposta por fornecer un sector de xeito global e non centrándose nas vendas directas a curto prazo.
Aínda que non se publicou o volume da operación de compra, coméntase que nVIDIA podería ter pagado 700 millóns de dólares por Run:ai, aínda que neste tipo de operacións cómpre salientar que hai moitos condicionais que favoreceron a compra que van máis aló das cantidades económicas (pois a posición de liderado de nVIDIA pode resultar moi atractiva para sumar socios).