nVIDIA e AMD pagarán para evitar as restricións comerciais coa China

luns, 11 de agosto do 2025 Redacción

Os fabricantes de chips nVIDIA e AMD chegaron a un acordo sen precedentes co Goberno dos Estados Unidos polo que entregarán o 15 % dos ingresos obtidos en China a cambio de recuperar as licenzas de exportación. A medida permitirá retomar as vendas de procesadores de alto rendemento, prohibidas ata o de agora por restricións vinculadas á seguridade nacional.
O pacto afecta aos chips H20 de nVIDIA e MI308 de AMD, desenvolvidos especificamente para o mercado chinés tras as limitacións impostas pola Administración Biden en 2023. En abril deste ano, o Executivo de Donald Trump ampliara o veto ás vendas destes modelos. Washington xustificara a súa decisión polo potencial destes procesadores para impulsar capacidades de intelixencia artificial en China, incluíndo usos militares como sistemas de armas autónomas e plataformas de vixilancia.
«Seguimos as normas que fixa o Goberno dos Estados Unidos para participar nos mercados mundiais», indicou nVIDIA, que subliñou non enviar unidades do H20 a China nos últimos meses. A compañía, cuxo conselleiro delegado Jensen Huang mantivo recentemente un encontro con Trump, reclamou que as regras de exportación permitan competir a nivel global.
Desde Beijing, o Ministerio de Asuntos Exteriores reiterou que China se opón ao «uso abusivo de medidas de control de exportación e ás prácticas unilaterais de acoso» por parte de Washington.