nVIDIA estrea nova xeración de gráficas GeForce RTX

xoves, 3 de setembro do 2020 Marcus Fernández

O vindeiro día 17 chegará ao mercado a nova xeración de tarxetas gráficas de nVIDIA, a serie GeForce RTX 30, que correspóndense á segunda xeración de tarxetas capaces de efectuar ray tracing e á terceira xeración en incorporar núcleos Tensor, incluíndo tamén multiprocesadores orientados ao streaming, conseguindo así combinar prestacións que atenden ás demandas actuais de xogadores e creadores.
As novas gráficas GeForce RTX 30 poden contar con até 24 GB de memoria vídeo GDDR6X, son as primeiras gráficas en poder aproveitar o HDMI 2.1 para 4K a elevadas taxas de refresco e para xogos en 8K e tamén son as primeiras en incorporar soporte para o codificador AV1, que permite un grande aforro de largo de banda no vídeo de alta resolución.
As tarxetas nVIDIA GeForce RTX 3080, con 8.704 núcleos CUDA e 10 GB de memoria son as que veremos nas tendas a partir do día 17 a un prezo de lanzamento que parte dos 719 euros, mentres que a máis ambiciosa nVIDIA GeForce RTX 3090, con 10.496 núcleos CUDA e 24 GB de memoria non chegará até o día 24 a un prezo de saída de 1.549 euros. Para consumidores máis modestos en outubro sairá a RTX 3070, con 5.888 núcleos CUDA e 8 GB de memoria a un prezo que parte dos 519 euros, facendo máis asumible o salto á nova xeración gráfica que tira proveito da arquitectura nVIDIA Ampere.
Aínda que resulta evidente que estas novas tarxetas supoñen un importante salto en potencia, resulta curioso que dende nVIDIA quixesen coidar especificamente o seu uso para a realizacións de retransmisións en streaming, e así prepararon a nova aplicación nVIDIA Broadcast que tira proveito do novo codificador de nVIDIA (nVENC) que ofrece mellor calidade de vídeo ao tempo que descarga de traballo á CPU para incrementar os fotogramas dos xogos. A aplicación tamén tira proveito da intelixencia artificial para conseguir a eliminación do ruído de fondo do micrófono (non só os zunidos, senón tamén cousas como un timbre, o ladrido dun can ou incluso as pulsacións no teclado), a aplicación de fondos virtuais ás imaxe captadas pola nosa webcam (ou a aplicación dun efecto de desenfoque de fondo) e a posibilidade de realizar un encadre automático (a cámara poder facer zoom sobre a cara do usuario e seguir os seus movementos). Estas funcionalidades son compatibles coa meirande parte das ferramentas empregadas para a realización de retransmisións de vídeo en directo, sendo a aplicación compatible con calquera equipo que conte cunha gráfica GeForce RTX, Titan RTX ou Quadro RTX.

Vídeo promocional da nVIDIA GeForce RTX 3080

PUBLICIDADE