nVIDIA presenta as novas gráficas GeForce RTX serie 40

martes, 20 de setembro do 2022 Marcus Fernández

Tras uns anos nos que as tarxetas gráficas eran un produto de elevada demanda por mor do minado de criptomoedas, a situación normalizouse, e hai esperanza de que a vindeira xeración de gráficas poida adquirirse con normalidade, de aí que resulte moi prometedora a presentación das novas tarxetas gráficas nVIDIA GeForce RTX serie 40.
Foi o director xeral de nVIDIA, Jensen Huang, o encargado de presentar os novos produtos da súa compañía, destacando que a intelixencia artificial está a ser a chave dos avances dos que se beneficiarán de xeito máis directo os xogadores e os creadores de contido.
O propio Huang aseguran que a nova xeración de gráficas GeForce RTX serie 40 con arquitectura nVIDIA Ada Lovelace supoñen «un salto cuántico» que prepara o terreos aos creadores para mundos totalmente simulados. Esta nova tecnoloxía fai uso da intelixencia artificial en funcións como o DLSS 3, que consegue mellorar o desempeño de xogos multiplicándoo por 4 en comparación coa interpretación gráfica baseada en forza bruta.
As primeiras gráficas de nova xeración en saír á venda serán as GeForce RTX 4090, que chegarán ao mercado o 12 de outubro con 24 GB de memoria e 16.384 núcleos CUDA a un prezo de 1.599 dólares; mentres que a GeForce RTX 4080 chegará en novembro con 16 GB de memoria e 9.728 núcleos CUDA por 1.199 dólares e con 12 GB de memoria e 7.680 núcleos CUDA por 899 dólares.
En liñas xerais as novas gráficas conseguen até o dobre de rendemento e eficiencia enerxética en streaming, en trazado de raios e en intelixencia artificial, facendo que os gráficos ultra-realistas sexan cada vez máis populares; aínda que non só os xogos se benefician das posibilidades de procesamento destas tarxetas, que tamén teñen un grande impacto na creación de gráficos en 3D, na edición de vídeo e no deseño gráfico; integran un codificador de vídeo de 8ª xeración que permite facer retransmisións de vídeo de alta calidade compatible con codificación AV1; e permite aproveitar a intelixencia artificial para mellorar os directos de vídeo (con fondos virtuais, eliminación de ruído e outras melloras). Como exemplo destas posibilidades, aseguran que coas RTX serie 40 podemos empregar OBS Studio para gravar grandes vídeos de gameplay en 8K a 60 imaxes por segundo; mentres que os editores de vídeo poden realizar rotoscopias en DaVinci Resolve un 70% máis rápido que coas gráficas do ano pasado.

Vídeo coa presentación de nVIDIA

PUBLICIDADE