nVIDIA presenta as súas achegas aos vehículos autónomos

luns, 8 de xaneiro do 2018 Marcus Fernández

Comeza a ser unha tradición para nVIDIA que a súa participación no CES de Las Vegas sexa o lugar no que dan conta dos seus avances en computación para vehículos autónomos, deixando un pouco de lado as súas populares tarxetas gráficas, e este ano deron conta de nVIDIA Drive Xavier, os seus novos procesadores para vehículos que anunciáronse hai un ano e que durante este trimestre chegarán ao mercado.
Xavier é un dos sistemas integrados nun chip máis complexos creados nunca, con máis de 9.000 millóns de transistores. Conta cun procesador de 8 núcleos, unha gráfica Volta con 512 núcleos, aceleración para deep learning, aceleración para visión artificial e procesadores para vídeo 8K con HDR, todo compatible cunha plataforma de software de nVIDIA orientada á intelixencia artificial.
Con este tipo de solucións nVIDIA non só busca conseguir a maior potencia de procesamento posible, senón tamén reducir o consumo, conseguíndose actualmente a realización de 30 billóns de operacións por segundo con só 30 watts, o que supón multiplicar por 15 a eficiencia enerxética fronte á anterior xeración desta tecnoloxía.
Xavier é un dos compoñentes clave da plataforma de computación nVIDIA Drive Pegasus AI, que congregaría a potencia de cálculo dun camión cheo de ordenadores no tamaño dunha placa de matrícula e que sería o primeiro superordenador para vehículos do mundo deseñado para robotaxis con autonomía de nivel 5, ou sexa, totalmente autónomos en calquera escenario. Pegasus integra 2 Xavier e un par de gráficas nVIDIA da vindeira xeración, de xeito que non veremos unidades desta tecnoloxía ate mediados de ano. Espérase que sexa capaz de procesar 320 billóns de operacións por segundo.
Estes avances non están a lanzarse ao tolo, senón que van da man de alianzas con grandes fabricantes e compañías, anunciando en Las Vegas nVIDIA que pecharon acordos con Volkswagen, Uber, Aurora e outras compañías, de xeito que confían en poder facer posible que o servizo de Uber non precise de condutores humanos no futuro. Actualmente está a probar o uso de tecnoloxía de nVIDIA de coches autónomos nunha frota de proba de SUV Volvo XC90 e tamén exploran esta tecnoloxía en camións, tendo realizado xa máis de 2 millóns de millas en máis de 50.000 desprazamentos.
No caso de Volkswagen, neste momento están enfocados no uso da tecnoloxía de nVIDIA para permitir unha copilotaxe intelixente, ou sexa, que os seus vehículos aproveiten os seus sensores externos e internos para axudar na condución do novo I.D. Buzz, vehículo inspirado no clásico VW MicroBus, que agora funciona de xeito eléctrico e avanza cara á condución totalmente autónoma. A gama de vehículos I.D. de Volkswagen prevé iniciar o seu lanzamento en 2020, de xeito que en 2025 poida contar xa con máis de 20 modelos.

O clásico VW MicroBus inspira a un novo vehículo eléctrico e con copilotaxe intelixente

PUBLICIDADE