nVIDIA presenta unha consola de videoxogos baseada en Android TV
mércores, 4 de marzo do 2015
Dende nVIDIA levan un tempo procurando revolucionar o sector
dos videoxogos mediante o aproveitamento de tecnoloxías do máis variado, en vez
de limitarse á imposición das grandes consolas de videoxogos, e no marco da
Games Developers Conference (GDC) realizou grandes anuncios entre os que
destaca un novo dispositivo da familia SHIELD que busca converterse nunha
consola doméstica baseada en Android.
Esta nova consola nVIDIA SHIELD
funcionaría cun procesador nVIDIA Tegra X1, gráfica nVIDIA Maxwell de 256
núcleos, 3GB de RAM, 16 GB de almacenamento interno, capacidade de vídeo 4K
podendo incluso reproducir e capturar vídeo nesta resolución a 60 cadros por
segundo (facendo uso dos codificadores VP9, H.265 e H.264), audio 7.1 e 5.1 a
través de HDMI, Wi-Fi AC de dobre banda, Bluetooth 4.1, Gigabit Ethernet, HDMI
2.0, 2 portos USB 3.0, 1 porto micro USB 2.0, lector de tarxetas microSD e
receptor de infravermellos, que só mediría 21 x 13 x 2,5 centímetros, pesaría
654 gramos e consumiría 40 watts. O seu prezo de venda en maio agárdase que sexa duns 199 dólares, e entre os accesorios que poden mercarse para o trebello estarían un mando a distancia que permite dar instrucións mediante a voz, un soporte para manter a consola en vertical e mandos de xogos adicionais (que custarían 59,99 dólares).
Pero esta solución non só funcionaría con Android, senón que estaría baseada en
Android TV, sería compatible con Google Cast e tamén incluiría a aplicación
Plex, de xeito que sería tanto unha potente consola de videoxogos como un
grande centro multimedia para o salón.
Durante a presentación deste produto o director xeral de nVIDIA, Jen-Hsun Huang,
amosouse satisfeito o seu “primeiro dispositivo para o lecer no salón”, non
dubidou ao situar este tipo de desenvolvemento como un produto de transición,
xa que pensa que moitos dispositivos dedicados rematarán sendo substituídos por
aplicacións (como aconteceu cos navegadores GPS) de aí que opten por crear unha
consola que funcione con Android TV, adiantándose ao momento no que os propios
televisores integrarán toda esta tecnoloxía, e farán innecesarios os accesorios
externos.
A consola nVIDIA SHIELD será especialmente atractiva para quen teña un
televisor de ultra alta definición e queira gozar dalgún dos servizos que
ofrezan contidos a tal resolución, podendo tirarse do trebello tamén un grande
proveito nos videoxogos, para o que estrarase a consola con máis de 50 xogos
para Android que aproveitan a potencia de SHIELD, de xeito que os xogos terían
un nivel gráfico á altura de ordenadores persoais e consolas de nova xeración,
lonxe do que vemos habitualmente en dispositivos móbiles.
Entre os xogos
para Android que amosarán grandes gráficos en SHIELD destacan grandes
títulos como Borderlands: The Pre-Sequel,
War Thunder, Doom 3: BFG Edition, Resident
Evil 5, Crysis 3 e Metal Gear Rising: Revengeance; aínda
que outra fonte de xogos para o trebello podería ser a nova plataforma de xogo na nube de
nVIDIA, GRID, que conta con títulos como Batman: Arkham Origins, GRID
2, Metro Last Light Redux e LEGO Marvel Super Heroes; tamén será
posible facer streaming de grandes
superproducións como The Witcher 3: Wild
Hunt, Metal Gear Solid V: Ground
Zeroes, Dying Light, Resident Evil: Revelations 2, Tierra Medioa: Las Sombras de Mordor e Batman: Arkham Knight.
Vídeo promocional da nova consola nVIDIA SHIELD