reMarkable presenta a súa nova tableta de tinta electrónica monocromo

mércores, 6 de maio do 2026 Redacción

reMarkable presentou reMarkable Paper Pure, unha nova xeración da súa tableta dixital centrada na escritura manuscrita, que aposta por simplificar o fluxo de traballo sen renunciar á experiencia tradicional de papel. O dispositivo, cunha pantalla monocroma de 10,3 polgadas (detalle que sorprende tras ter comercializado modelos con pantalla a cor), chegará aos primeiros compradores a comezos de xuño cun prezo de partida de 399 euros.
O novo modelo forma parte da evolución da marca tras máis dunha década desenvolvendo dispositivos que replican a sensación de escribir sobre papel. O reMarkable Paper Pure integra unha superficie texturizada avanzada similar á do modelo máis completo da gama, combinada cun panel Canvas de terceira xeración que mellora a nitidez e o contraste. A resposta da tinta dixital sitúase nos 21 milisegundos, o que permite unha escritura practicamente instantánea, mentres que a navegación e o cambio de páxinas duplican a velocidade respecto á anterior reMarkable 2 (que deixa de venderse con este lanzamento).
O dispositivo pesa 360 gramos e ten un grosor de 6 milímetros, cun deseño que evoca un caderno tradicional. A batería ofrece ata tres semanas de autonomía cun uso estimado dunha hora diaria de anotacións.
O reMarkable Paper Pure é compatible cos lapis dixitais Marker e Marker Plus, e conta cun novo accesorio de protección, Sleeve Folio, dispoñible en varias cores. A proposta busca integrarse no traballo diario mediante o servizo Connect, que amplía as funcións do dispositivo con integracións con Google Calendar e Microsoft Outlook, importación de documentos desde servizos como OneDrive, Dropbox ou Google Drive, e ferramentas de busca sobre notas manuscritas.
A plataforma tamén incorpora capacidades baseadas en intelixencia artificial para converter escritura a man en texto editable, xerar resumos ou suxerir accións, ademais de facilitar o envío de contidos a ferramentas colaborativas como Slack ou Miro.

Vídeo promocional do reMarkable Paper Pure