O Goberno apoia á Xunta con 27,3 millóns para dixitalizar e modernizar a Administración autonómica

mércores, 17 de agosto do 2022 S. P.

José Miñones nunha imaxe da axencia EFE

O delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, fixo balance dos obxectivos do Plan de Recuperación do Goberno para dixitalizar e modernizar a Administración autonómica. Segundo fixo saber, o Executivo vai apoiar este proceso con 27,3 millóns de euros que transferirá á Xunta de Galicia procedentes do devandito plan, o Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia.
José Miñones apuntou que “esta cantidade axústase aos proxectos que presentou a Administración galega á manifestación de interese lanzada polo Goberno en maio”. As propostas remitidas dende a nosa terra, engadiu, permitiron definir esta cantidade, 27.315.808,64 euros, “un novo exemplo cooperación institucional e de transparencia e cogobernanza na execución do Plan de Recuperación”, sinalou o delegado.
A repartición dos fondos foi acordado en Consello de Ministros, e que responde a unha dos investimentos do Compoñente 11 do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR), Transformación Dixital e modernización do Ministerio de Política Territorial e Función Pública e das Administracións das Comunidades Autónomas e Entidades Locais.
Os 27,3 millóns acordados para Galicia repártense en dous exercicios: 13.943.086,45 euros para proxectos a executar en 2022 e 13.372.722,2 euros para financiar actuacións o próximo ano.
Desta cantidade total, 14.210.386,78 euros destinaranse á dixitalización e transformación da administración sanitaria pública de Galicia. O resto destinarase proxectos de administración orientada á cidadanía; operacións intelixentes; manexo de datos; infraestruturas dixitais e ciberseguridade.
O delegado lembrou que a dixitalización supón un “salto decisivo na mellora da eficacia e eficiencia da Administración para dar resposta aos seus retos e garantir a sustentabilidade dos investimentos”. E apuntou que “os principais beneficiarios desta aposta é a cidadanía galega e as políticas públicas”.

PUBLICIDADE