Telefónica e a firma galega Spica dixitalizan con éxito o sistema de plenos do Concello de Collado Villalba
xoves, 14 de xullo do 2022
Telefónica
vén de facer balance do acadado pola solución Seneca no Concello de
Collado Villalba, en Madrid. Trátase dunha solución de plenos
híbridos que se integra de forma permanente en contornas
semipresenciais. Foi implantada e desenvolvida no dito Consistorio
por Telefónica Empresas e a firma galega Spica, con sede en Vigo.
Segundo fixeron saber, o sistema superou os seus obxectivos nos seus
nove primeiros meses de vida. Neste período de tempo
graváronse máis de 100 encontros e eventos, dixitalizado todos os
plenos ordinarios e extraordinarios e o seu contido online foi visto
por un de cada 21 cidadáns da localidade madrileña. O sistema,
engade a operadora, “permitiu unha maior flexibilidade laboral aos
traballadores do Concello e facilitou que as máis de 63.000 persoas
que forman parte da poboación deste termo municipal poidan estar
informadas as decisións que se toman a nivel local”.
Desde
Telefónica e Spica destacan “o beneficio que supón para os
habitantes de Collado Villalba ter unha Administración cada vez máis
dixitalizada, con ferramentas como Seneca para poder acceder de forma
áxil, segura e en remoto ao momento da orde do día que sexa do seu
interese sen necesidade de ver ou descargar todo o debate”.
O
funcionamento do sistema é o seguinte. Cando un concelleiro acende o
seu micrófono, o software Seneca apunta o seu nome para facilitar a
posterior procura da súa intervención e, ademais enfócao
automaticamente cunha das cámaras do salón de plenos. Desta forma,
a intervención retransmítese en streaming e grávase para
que se poida consultar posteriormente na mediateca Seneca do Concello
en Internet. Pouco tempo despois de finalizado o pleno publícase de
xeito automático na mediateca onde a gravación aparece estruturada
por puntos da orde do día e intervencións facilitando o acceso
directo ao tema que interesa.
De
face ao seu uso polos cidadáns, eles poden conectarse de balde á
plataforma a través dun PC, móbil ou tableta. Amais, engaden
Telefónica e Spica, “grazas á procura asociada baseada en
Intelixencia Artificial poden acceder ás declaracións específicas
dun político ou á referencia dun tema concreto”.
O
sistema tamén conta cunha ferramenta de acceso segundo o perfil do
usuario, contando con cinco niveles de protección. Ademais, as
sesións etiquétanse segundo as partes asociadas, como, por exemplo,
o tipo de orador (presidente, secretario, etc.) ou de órgano que se
reúne (pleno, comisión, etc.). Así mesmo, pódense incluír outros
esquemas de clasificación xerárquicos para almacenar gravacións
non lexislativas de forma ordenada. As gravacións permanecen na
institución e sóbese unha copia á mediateca de Seneca na nube,
reducindo o risco de perder o contido se a institución é atacada
por un ciberdelincuente.
