A Deputación de Pontevedra e ASIME impulsan un revolucionario proxecto para combater a fenda de xénero tecnolóxica

mércores, 17 de agosto do 2022 S. P.

A Deputación de Pontevedra e ASIME (Asociación de Industrias do Metal e Tecnoloxías Asociadas) asinaron un convenio para situar a provincia e Galicia na vangarda da loita contra a fenda de xénero de índole STEAM e industrial. Trátase do proxecto Tecnolóxicas, co que as dúas entidades buscan tamén impulsar unha cultura do talento feminino tecnolóxico así como dar visibilidade para atraer ás mozas ás carreiras STEAM (acrónimo de Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría, Arte e Matemática). Nesta primeira edición, Tecnolóxicas desenvolverase ata o 2023 e conta cun orzamento que supera os 200.000 euros, dos que a institución provincial achegará 135.728.
Con motivo deste acordo, a presidenta da entidade provincial, Carmela Silva, sinalou o seguinte: “Os datos de matriculación das mulleres nas STEAM, nas carreiras de Enxeñería, Ciencias, Matemáticas, en lugar de medrar, caen. Soamente somos o 6% das persoas en estudos TIC, o 14% en FP de Informática ou o 13% das persoas graduadas en STEAM. Estes datos téñenos que poñer en alerta, porque están e van ocasionar que as mulleres esteamos excluídas da posibilidade de ser lideresas do sector tecnolóxico. Por iso, dende a Deputación, queremos dar un paso cara adiante para modificar esta realidade”. A presidenta destacou que unhas 600 empresas están adheridas a ASIME, polo que se trata dun convenio de gran alcance.
Tecnolóxicas, que optará aos fondos Next Generation como programa de igualdade, arrancará este 2022 como proxecto piloto coa participación de 10 mulleres e 10 empresas. Está baseado en tres piares: a formación, o mentoring e a sensibilización. No primeiro eido, as rapazas seleccionadas recibirán cursos gratuítos acorde á demanda do propio sector empresarial e tamén se ofrecerán 10 contratos en empresas cunha duración de 6 meses para a posta en práctica da formación adquirida, facilitando o acceso a empregos técnicos demandados polo sector. As empresas que reciban alumnas accederán a un Selo de Igualdade de Talento na Tecnoloxía.
No que atinxe ás actividades de mentorización, as dez participantes serán tuteladas durante 8 meses por profesionais femininas con perfís técnicos e directivos do sector, cunha titorización personalizada para orientación técnica, contacto coas empresas candidatas, orientación á formación, creación dun itinerario laboral e acompañamento. Por último, no apartado de sensibilización búscase xerar referentes locais entre a comunidade con actividades en todas as etapas educativas. Na Infantil e Primaria realizarase con actividades e biblioteca e na ESO favorecerase a inclinación á tecnoloxía incidindo na percepción de utilidade a fin de favorecer a opción dos estudos STEM no Bacharelato, FP e na Universidade.

PUBLICIDADE