Instagram potencia as subscricións de pagamento

venres, 15 de xullo do 2022 Marcus Fernández

Para facilitar que os creadores de contido poidan sacar proveito económico da súa actividade en Instagram levan un tempo probando subscricións de pagamento (polo momento só dispoñibles nos EE.UU.) e que contarán con ferramentas moi atractivas para estreitar ligazóns entre creadores e seareiros.
Unha das novidades que presentan para os subscritores en Instagram son chats específicos, que funcionarán a través de Messenger, e que estarán limitados a 30 participantes, polo que poden ser un xeito moi atractivo de comunicarse cos subscritores máis fieis. Os creadores de contido poden publicar unha historia cun adhesivo para entrar neste tipo de chats exclusivos para subscritores.
Os creadores tamén poderán crear publicacións e reels exclusivos para os subscritores, de xeito que tanto ofrecen contido para recompensar as subscricións como tamén serven para que os usuarios poidan comunicarse a través dos comentarios.
A outra novidade que presentan é unha pestana nos perfís de usuario dos creadores nos que se recollerán os contidos exclusivos para subscritores, como poden ser as publicacións exclusivas, os reels, e incluso os directos exclusivos para subscritores.
Estas funcionalidades buscan incentivar o uso de Instagram como plataforma con contido de pagamento, para que os creadores non teñan que recorrer a plataformas como Patreon, aínda que actualmente Instagram ten unha vantaxe bastante importante: non cobrarán comisión ata o remate de 2024.

Os subscritores poderán acceder a directos, publicacións, reels e outros contidos en exclusiva