Xa está operativa en Menorca a tecnoloxía galega que leva entregas ás embarcacións
venres, 8 de xullo do 2022
Os
drons da compañía Drone To
Yacht, impulsada pola galega Aerocamaras, estrearon no mediodía
deste 8 de xullo en Menorca o seu servizo de entrega de produtos no
mar. Ao redor das 13 horas comezaron os primeiros repartos de comida
e bebida desde o restaurante anfitrión Miramar en dirección á
embarcacións dende as que se fixeran previamente os pedidos. O
arranque da operativa estivo marcado polo vento que condicionou o
número de embarcacións previstas en Cala Blanca. Malia isto,
durante as primeiras horas de operacións os drons da empresa levaron
a cabo uns 10 pedidos a iates e embarcacións na costa da dita cala e
as súas proximidades. Prevese que durante a fin de semana se leven a
cabo ao redor de 50 pedidos por día.
A
loxística foi “fácil e rápida”, en palabras dos clientes, que
para facer os seus encargos tiveron que seleccionalos a través da
aplicación móbil de Drone To Yach. Este servizo de luxury
delivery ofrécese cun dron eléctrico 100% sustentable
desenvolvido pola compañía de Lalín Aerocamaras para poder facer
envíos con carga de curta e media distancia. Ademais, conta coas
vantaxes de ser un servizo rápido, silencioso, de contacto cero e
respectuoso co medio ambiente.
Jaime
Pereira, co-fundador de Drone To Yacht, dirixiu a operativa desta
primeira xornada e destacou “a boa acollida de Menorca a través do
restaurante anfitrión Miramar, que se converte en referente de
innovación no uso de drons para delivery”. Jaime engadiu
que “este servizo de luxo revoluciona o sector da hostalaría a
nivel europeo ao ser a primeira compañía en executar estes envíos
con drons e establecer un modelo de negocio que incrementa a
clientela dos restaurantes asociados grazas ás novas aeronaves non
tripuladas”.
