O servizo galego Hipoqih cumpre un ano o vindeiro 4 de agosto

xoves, 2 de agosto do 2007 Raquel Noya

A web galega Hipoqih, que funciona a partir dun sistema de avisos en base a posicións xeográficas para localizar a persoas e seguilas por un mapa a través da Rede, cumpre un ano o vindeiro 4 de agosto. Os creadores deste servizo, que no seu día foi nomeado ós premios Startup 2.0 (certame para elixir o mellor da Web 2.0 de Europa), van celebrar o seu primeiro aniversario nun local de copas da Coruña e convidan a todos os seus usuarios e amigos.
Os que aínda non probaron as vantaxes desta ferramenta de procuras xeográficas a través de Internet aínda están a tempo de darse de alta na web como usuarios e instalar o plugin nos terminais totalmente de balde (e así, de paso, acudir á festa).
Os que así o fagan, non terán perda, xa que no seu blog, os creadores ofrecen detalladas instrucións para chegar ó destino final e non perderse nada do que alí aconteza (e se non se entenden, sempre se pode botar man da ferramenta en si mesma para atopar o sitio con éxito).
Na imaxe, mapa do local no que terá lugar a festa de aniversario.

PUBLICIDADE