A web do CCG convida á xeolocalización dos escenarios da revolta irmandiña

martes, 31 de outubro do 2006 Fernando Sarasketa

O noso amigo e colaborador ocasional Xabier Feixoo púxonos ó tanto estes días dun proxecto co que vén de colaborar coa web do Consello da Cultura Galega, concretamente para a súa sección Turismo Cara B, ese espazo de propostas de viaxe para camiñantes militantes, mochileiros cun pulo de aventura e demais xente acostumada a moverse o máis lonxe posible dos circuítos preestablecidos polas axencias. Falamos neste caso dunha iniciativa ideal para viaxeiros que gusten das ruínas e das pedras do pasado e que consiste en xeolocalizar os diversos escenarios da revolta irmandiña.
A proposta estrutúrase arredor do Tour Irmandiño que, como o seu propio nome anuncia, serviranos para visitar in situ as 87 localizacións recompiladas até o de agora, a meirande parte delas “fortalezas derrubadas polos irmandiños das que moitas non se volveron a erguer logo de 1467”, segundo indica Feixoo.
Un dos puntos máis interesantes deste proxecto é que a través dela convídase ós viaxeiros-internautas galegos a marcar nun mapa (de Tagzania) as novas localizacións relacionadas con esta ruta. Con esta finalidade, e coa de compartir co resto dos usuarios os seus descubrimentos, púxose ó alcance do internauta a posibilidade de pór etiquetas (tags) enriba do mapa, que se unirán ás dispostas previamente por Xabier Feixoo.
Cómpre sinalar (para quen non estea ó tanto destes acontecementos) que a revolta irmandiña do século XV deuse sobre todo nos castelos porque estes estaban no punto de mira dos sublevados, que eran membros da baixa nobreza e do clero, burgueses das cidades e campesiños con certo poder adquisitivo, cansos dos abusos dos señores–donos dos castelos.

PUBLICIDADE