Novos procesadores de catro núcleos para servidores de AMD

xoves, 13 de novembro do 2008 Marcus Fernández

AMD presentou os seus novos procesadores Opteron de catro núcleos fabricados en 45 nm, que baixo o nome chave de Shanghai buscan plantarlle cara a Intel no sector dos servidores, pois está nova xeración de equipos incrementan a súa caché de terceiro nivel de 2 a 6 Mb, o que os dotaría dun rendemento un 35% superior.
Os novos chips tamén permitirían un consumo ata un 35% inferior en condicións normais, serían compatibles con memoria DDR2-800 e serían compatibles cos actuais Socket-1207. Os novos AMD Opteron de catro núcleos cun consumo de 75 W xa se poden adquirir en velocidades de entre 2,3 e 2,7 GHz, agardándose novos modelos de 55 e 105 W para o primeiro trimestre de 2009.
Os avances destes novos procesadores para servidores tamén saltarán aos equipos de escritorio en 2009 na plataforma AMD Dragon que combinará os novos AMD Phenom II X4 de catro núcleos co chipset AMD 700 e as tarxetas gráficas ATI Radeon HD 4000.

PUBLICIDADE