A TVG tira proveito da banda larga móbil nas súas conexións en directo

mércores, 5 de xuño do 2013 Marcus Fernández

Belén Baños cubriu en directo a celebración do 35º aniversario dunha parella nun velero que navegaba pola ría de Betanzos

Esta semana a Televisión de Galicia escribiu un novo capítulo da súa historia durante a emisión do programa A Revista, no que conectaron en directo cun veleiro da compañía sadense Altavela que navegaba pola Ría de Ares-Betanzos para celebrar o 35º aniversario dunha parella. Este fito foi posible grazas a un uso intelixente da tecnoloxía, de xeito que en vez de realizar a conexión mediante satélite optouse por unha solución IP da compañía MobileViewpoint que permite agrupar varias conexións de banda larga móbil para transmitir vídeo en directo coa calidade suficiente para a súa emisión televisiva.

A mochila WMT Expert facilitou a conexión en directo a través de banda larga móbil

Belén Baños foi a reporteira encargada de pór cara a este peza audiovisual, mentres que o apartado técnico corría a cargo de Javier Ludeña, quen, aparte de soster a cámara de vídeo para captar as imaxes a emitir, tamén portaba unha mochila WMT Expert, que pode emitir o sinal de vídeo cun largo de banda que vai dos 500 Kbps aos 5 Mbps, que pode conseguir mediante Wi-Fi, Ethernet ou ata 8 conexións de banda larga móbil (LTE, HSPA+, HSUPA, HSDPA e UMTS) que incluso poden ser de distintos operadores móbiles. A TVG leva preto de dous meses empregando esta tecnoloxía con éxito nas súas emisións.
Para conseguir un bo funcionamento, esta solución tecnolóxica utiliza o maior largo de banda dispoñible, sumando as conexións que teña dispoñible e codificando o vídeo dun codec H264 que se adapta á conectividade presente a cada momento, intentado sempre maximizar a calidade da imaxe e minimizar o retraso no sinal.
As vantaxes deste tipo de solucións tecnolóxicas son evidentes, pois permiten dar conta de novas en directo con grande axilidade, sen depender de caras conexións por satélite e servindo tamén de exemplo das moitas posibilidades da banda larga móbil, que cando se normalicen as conexións 4G serán aínda maiores, fundamentalmente polo que supón á hora de reducir os retardos nas comunicacións.


Momento de A Revista no que podemos ver a conexión en vívo cun veleiro no medio da ría de Betanzos

PUBLICIDADE