A Xunta promoverá unha factoría de emprendedores TIC de Galicia

mércores, 8 de xuño do 2011 Redacción

Na presentación do Plan Estratéxico do Clúster TIC de Galicia, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, confirmou o compromiso da Goberno autonómico no impulso do sector tecnolóxico galego, para o que adiantou que traballarán no «establecemento dun marco común de financiamento ao sector aplicable dende 2012» e «na implantación gradual da factoría de emprendedores TIC de Galicia» segundo determinaran na Axenda Dixital 2014.gal. Engadiu que tamén traballarán no «establecemento de actuacións que camiñen cara ao aliñamento entre as necesidades tecnolóxicas do sector público e os sectores produtivos e a oferta do sector TIC». Entre os motivos para contribuír ao impulso da TIC na nosa comunidade figura a súa forza para mellorar a imaxe de Galicia como territorio no que investir e desenvolver ideas empresariais.
Na súa intervención, Núñez Feijoo asegurou que a Xunta se propón que as empresas do sector das TIC e doutros ámbitos punteiros aproveiten «unha das grandes oportunidades que ten Galicia para os próximos anos e que lamentablemente foi infrautilizada nos seus primeiros anos de existencia». Así, animou aos emprendedores galegos con ideas en materia de tecnoloxía ou de I+D a presentar «proxectos punteiros ao abeiro do Fondo Tecnolóxico, dotado con 100 millóns de euros e que podería mobilizar o dobre de investimento, 200 millóns de euros».
O xefe do Executivo autonómico salientou a necesidade da articulación de instrumentos de financiamento «para que ningún proxecto viable se quede nun caixón», polo que sinalou que, a maiores, a Xunta ten tamén o obxectivo de explorar novas vías que fomenten a obtención de resultados con alto impacto na economía galega, «fronte ao xa gastado modelo de subvencións a fondo perdido».


Parte da intervención do presidente da Xunta na presentación do Plan Estratéxico do Clúster TIC de Galicia

PUBLICIDADE