A galega Ayco achega a súa tecnoloxía na dixitalización do servizo técnico de Vodafone

mércores, 30 de marzo do 2011 Fernando Sarasketa

Ayco, empresa galega especializada no desenvolvemento de aplicacións tecnolóxicas, foi elixida pola multinacional Vodafone para levar a bo termo o proceso de mobilización da súa rede de centros de instalación en España. Isto significa entre outras cousas que a operadora está a botar man de tecnoloxía galega para dar corpo ao dito proxecto, máis polo miúdo da tecnoloxía BlackPen da devandita firma con sede principal en Vigo. Vodafone, a primeira empresa do seu sector que implantará esta tecnoloxía, tiraralle partido para automatizar a xestión da información no seu servizo técnico. Cómpre lembrar que entre as vantaxes que achega BlackPen atópase a de converter en datos os apuntamentos manuscritos dos partes técnicos e transmitilos, de xeito inmediato e previo o emprego dun bolígrafo dixital, á central de operacións.
Con esta tecnoloxía”, informa Ayco, “Vodafone automatizará totalmente a xestión da información no seu servizo técnico de instalación e reparación”. O funcionamento do sistema achegado pola firma galega é ben sinxelo. Para comezar, só é preciso o devandito bolígrafo dixital como alicerce do equipamento primeiro, ao que cómpre engadir un teléfono móbil ou tablet. A partir de aí, o traballador estarán en disposición de transmitir á devandita central a hora de chegada ao lugar da incidencia e a hora de inicio do traballo, pudendo descargar de xeito automático os datos técnicos relativos á intervención e, cando esta fique solucionada, subministrar á central o parte técnico e a hora de finalización. “Todo isto”, engade Ayco, “en tempo real”.
As vantaxes son evidentes, pero a empresa galega ten datos ao respecto para despexar dúbidas: empregando estas solucións, Vodafone será quen de reducir até un 40% o tempo de xestión unha incidencia e aforrará unha importante cantidade en custos administrativos. Ademais, engade a compañía galega, terá a capacidade de informar en tempo real aos seus clientes de cuestións que antes se adiaban varios días.
A tecnoloxía, que se está a implantar en tódolos servizos técnicos de Vodafone en España, é xa de uso común entre uns 120 operarios da compañía, aos que se irán engadido practicamente un milleiro de técnicos nos vindeiros meses.
A tecnoloxía BlackPen é o futuro para a xestión de calquera servizo técnico: axiliza a tramitación dos partes de incidencias ou instalación, elimina riscos de perda de datos, permite calcular con total precisión tempos de intervencións e facilita o traballo dos técnicos que, en tempo real e desde o lugar da intervención, acceden á información que necesitan para realizar a reparación”, cóntanos Moisés Mateo, director de Desenvolvemento de Negocio de Ayco, para quen está claro que outra das claves do éxito do desenvolvemento é o dado que resulta para o seu emprego.

PUBLICIDADE