A profesora Beatriz Legerén prevé un papel protagonista das videoconsolas no futuro da televisión

luns, 21 de marzo do 2011 Fernando Sarasketa

Beatriz Legerén, ex presidenta de EGANET, nunha imaxe da Universidade de Vigo

A televisión e as videoconsolas sempre tiveron un aquel de semellanza, entre outras cousas por que ámbalas dúas tecnoloxías van dirixidas ao lecer no fogar e, tamén, porque as dúas foron obxecto dunha análoga deriva en común cara a interactividade. Con todo, e segundo nos conta a Universidade de Vigo a través dunha serie de entrevistas coa profesora Beatriz Legerén, nunca antes estiveron tan preto. As razóns disto están en moitas cousas, pero se cadra haxa que comezar a buscalas na vella arela da converxencia tecnolóxica (iso de que tódolos aparellos tecnolóxicos falen unha mesma lingua) e tamén na aparición de elementos como a TDT que lle permiten á industria dos videoxogos buscar mercados e nichos de actividade novos. Estes fenómenos son descritos polo miúdo pola profesora galega (ex presidenta da asociación empresarial EGANET) na súa tese de doutoramento La TVi como plataforma de explotación de videojuegos: cambios en la forma de consumo y en los modelos de negocio.
Entre outras cousas, a investigación ponnos ao tanto dunha novidade case segura: o xurdimento dun decoficador que posibilite o mesmo que posibilita unha consola pero coa gran vantaxe de termos acceso a calquera outro contido audiovisual. A xuízo de Legerén, non hai dúbida de que serán as empresas propietarias das videconsolas, froito do seu achegamento aos servizos e canles de TV e radio de toda a vida, as que desempeñen o devandito labor. Segundo conta, a interactividade aplicada ao eido televisivo non só é vantaxosa, é necesaria. En boa medida, é o que precisan as empresas do ámbito dos videoxogos para afianzar o seu medre, vieiro aberto en 2006 co anuncio dun proceso inevitable: o apagamento analóxico.
A TDT, sostén, “é unha porta aberta para novas canles e servizos, novos programas e tamén para a dita interactividade”. Se a isto lle engadimos a necesidade de crecer que é propia de calquera sector e o gran investimento que supón a forte competitividade (hai unha carreira entre consolas por acadar os aparellos máis avanzados), pois o camiño para a apertura de máis público aínda semella máis firme. “Fixéronse evidentes as limitacións do modelo de negocio tradicional do sector para acadar a amortización necesaria”, comenta Beatriz Legerén, polo que se detectou a necesidade de atopar novos públicos e novas fontes de ingresos alén das vendas a través das tendas tradicionais, a través da industria televisiva.

PUBLICIDADE