Despois dunha longa espera e multitude de rumores, tivo lugar a presentación de Apple na que deron a coñecer o seu novo produto estrela, o iPad, un dispositivo baseado nunha pantalla multi-táctil de 9,7 polgadas cunha resolución de 1.024 x 768 píxeles (cun recubrimento oleofóbico coma o iPhone 3GS) e uns 700 gramos de peso que sorprende por funcionar cun procesador Apple A4 a 1 GHz (o que indicaría que a compañía de Cupertino opta agora por fabricar o cerebro dos dispositivos deste tipo) e que, pese a que se falaba que sería revolucionario, finalmente vén a ser unha especie de iPod Touch de grande tamaño, compatible con moitas das aplicacións de tal trebello, pero orientando o seu uso á reprodución de vídeo, a visualización de páxinas web, os xogos e a lectura.

Steve Jobs felicitou a Amazon polo éxito da súa plataforma de libros electrónicos Kindle, e anunciou a aplicación iBooks, que chega para facerlle a competencia, pois accederá a unha iBook Store na que mercar libros para o iPad, dispositivo que podería ter certo éxito para a lectura de libros e revistas, aínda que dende Apple tamén atopáronlle usos máis profesionais, de xeito que adaptaron a súa suite ofimática iWork para funcionar co novo dispositivo, que permitirá así visualizar e editar documentos coa aplicacións Keynote, Numbers e Pages.

No tocante aos seus prezos, o modelo básico de 16 Gb custará 499 dólares nos EE.UU., incrementando 100 e 200 euros para as versións de 32 e 64 Gb respectivamente, mentres que o modelo que, aparte de Wi-Fi, tamén inclúe 3G (ou sexa, máis próximo ao iPhone que ao iPod Touch), os prezos van dende 629 a 829 dólares, aínda que haberá que agardar para coñecer os prezos que terán en Europa.
A súa chegada ás tendas norteamericanas agárdase para dentro de 60 días, e os modelos con 3G tamén poderán asociarse a tarifas de datos móbiles con prezos competitivos negociados por Apple.
Pero este novo dispositivo que prometen tan bonito, ten as súas eivas, coma o feito de que estea moi pechado ao control de Apple, non conte con capacidades de multi-tarefa (de xeito que non permite o uso de aplicacións en segundo plano, o que en certos escenarios de uso supón un problema notable), o seu navegador web non inclúe soporte de Flash, non funciona coma móbil (parece ser que nin sequera conta coa aplicación para SMS, pese a que a meirande parte das conexións de banda larga móbil aceptan tal función) e carece de cámara (o que limita o uso de aplicacións de videoconferencia, que si permiten outros dispositivos que puideron verse no CES de Las Vegas hai poucos días).
De todos os xeitos, estamos ante un produto que terá o seu público, e podería ser o grande éxito de Apple para a tempada, pois lembremos que os resultados económicos da compañía por mor do iPhone foron moi positivos, e este novo produto podería avanzar nesta dirección sen vampirizar o mercado de equipos portátiles de Apple.
Apple presenta oficialmente o seu iPad
Compartir Este Artigo

