Manuel Casal Lodeiro, responsable de proxectos pioneiros en redes sociais como Fillos.org ou máis recentemente dunha guía TIC para os os colectivos sociais e culturais da nosa terra, ten entre mans unha nova iniciativa vencellada ás novas tecnoloxías e á nosa terra aínda que contidos universais, aplicables ao conxunto de tódolos países e contornas sociais. A iniciativa, da que tamén é responsable o profesor da USC (e ex director do INEGA) Xoán Ramón Doldán, baséase en dar forma con axuda dos internautas a un libro que prepara á sociedade galega para vivir sen petróleo. Trátase pois dun proxecto de micromecenado, posto en marcha en Verkami pola asociación Véspera de Nada, co obxectivo de permitir que vexa a luz a Guía para o descenso enerxético. Ás 48 horas do lanzamento da campaña, xa se conseguiran mil euros de financiamento.
O xermolo do libro xa vén de antigo, segundo informan Doldán e Casal. De feito, fíxose coñecido en círculos activistas galegos desde que en 2008 comezara a falar no Foro Social Galego dun problema de graves consecuencias para o funcionamento da economía e para a vida de toda a poboación: o problema do peak oil, termo en inglés co que se coñece a chegada do petróleo ao seu punto máximo de extracción a nivel mundial, “intre a partir do cal comeza un declive irreversible”. Pois ben, ao fío disto, cómpre lembrar que a Axencia Internacional de Enerxía xa se viu obrigada a recoñecer que chegamos a ese punto. Para os membros do dito colectivo, “a partir de agora será todo costa abaixo e a sociedade ten que se preparar para as repercusións, que xa están aquí en forma de crise económica”. Así pois, o obxectivo da Guía para o descenso enerxético é “axudar na transformación do modelo enerxético e produtivo hoxe dominante no mundo e na Galiza, baseado no uso masivo de combustibles fósiles, en particular do petróleo”.
Segundo as previsións que manexan os expertos no tema a enerxía vai ser cada vez máis cara e menos abundante, e iso obrigará, afirman en Véspera de Nada, a mudar de raíz o modelo económico actual. “É precisamente na base social onde debe comezar a transformación”, aclaran, e por iso dirixen o libro e a campaña de crowdfunding para poder publicalo, a todas as familias, empresas e colectivos sociais do país.
As persoas interesadas poden consultar información sobre a guía, visualizar un vídeo de presentación e participar no financiamento colectivo do libro na web Galiza.PosPetroleo.com, na páxina da asociación Véspera de Nada e máis no Twitter de seu.
En marcha unha campaña na Rede para publicar unha guía galega que nos axude a sobrevivir enerxeticamente
Compartir Este Artigo
