O CPEIG anuncia as actividades que emprenderá en colaboración con Modernización

luns, 21 de marzo do 2011 Redacción

Mar Pereira, secretaria xeral de Modernización, xunto a Fernando Suárez, presidente do CPEIG

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) e a Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica da Xunta de Galicia asinaron un convenio de colaboración para a posta en marcha dunha serie actividades para o fomento da sociedade da información que agora detallan dende o CPEIG e que supón unha achega económica do Goberno galego de 106.000 euros.
Entre outras actividades de formación, capacitación e promoción no ámbito das tecnoloxías da información previstas no acordo, destacan:
- Xornadas As relacións da Empresa coa Administración electrónica
- Publicación con comentarios técnico-xurídicos ao Decreto de Administración Electrónica, glosario e terminoloxía.
- Realización dun estudo a determinar entre interoperabilidade de sistemas na Administración Pública (posibilidades e realidade) e open data ou reutilización de información do sector público (risp).
- Formación a outros colexios e/ou colectivos na difusión dos fundamentos da administración electrónica.
- III Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia.
- Xornadas formativas sobre calidade no software (CMMI, ISO20000,...).
- Xornadas formativas sobre tecnoloxía, liderado e intelixencia emocional.
- Xornadas formativas en dirección e xestión de proxectos informáticos.
As accións anteriores contribuirán a desenvolver plans de formación para o crecemento da Sociedade da Información e a capacitación profesional nas tecnoloxías da información entre os profesionais e a sociedade en xeral, de aí que o acordo estea enmarcado nas accións definidas na Axenda Dixital de Galicia 2014.gal. Ademais, incorporan a accesibilidade como condición indispensable das actuacións; repercutirán no incremento dos contidos divulgativos en galego en Internet; difundirán e divulgarán as vantaxes da incorporación das TIC en todos os sectores, así como do sector profesional das TIC, e contribuirán á igualdade de xénero no sector das TIC.
Ademais deste convenio, o CPEIG asinará en vindeiras datas un acordo para a segunda edición do programa Navega con Rumbo polo Ciberespazo, dentro da Escola Abalar.

PUBLICIDADE