O Microsoft Office 2013 xa está dispoñible en galego, catalán e éuscaro
mércores, 13 de febreiro do 2013
O
compromiso de Microsoft coas distintas linguas do Estado é cada vez maior, e aínda que tras o lanzamento tanto de Windows 7 como de Office 2010 tivemos que
esperar un certo tempo para poder
galeguizar esas aplicacións, con Windows 8 e Office 2013 a situación mudou
substancialmente, de xeito que Windows 8 estivo dispoñible en galego dende o
mesmo día do seu lanzamento oficial e pola tradución do paquete ofimático de
Microsoft apenas houbo que agardar 10 días, pois como veñen
de anunciar dende a compañía de Redmond, o pasado venres publicaron os
paquetes de idiomas de interface de Microsoft Office 2013 correspondentes ao
galego, o catalán e o éuscaro.
Con este paquete as aplicacións Word, Excel, PowerPoint, OneNote e Outlook de
Microsoft poden configurarse para amosar a súa interface en galego, o que,
xunto ao feito de que contan con corrector ortográfico actualizado á normativa
da Real Academia Galega aprobada en 2003, fai posible o uso dun escritorio
informático en galego coas últimas tecnoloxías de Microsoft.
Lembremos que Office
2013 está dispoñible dende o pasado 29 de xaneiro, podendo adquirirse a súa
versión doméstica por 119,99 euros (269 euros para empresas), sendo posible facerse
co paquete ofimático de Microsoft mediante o servizo de subscrición Office 365
que custa 99,95 euros/ano (ou 10 euros/mes) para 5 equipos (podendo combinar
ordenadores con Windows e OS X), prezos que teñen uns 20 euros de desconto
cando van asociados á compra dun ordenador novo.
- Word, Excel, PowerPoint, OneNote e Outlook son as aplicacións que xa poden empregarse coa interface en galego