O TSXG anula as concesións de TDT local de Pontevedra e Ferrol

martes, 1 de decembro do 2009 Marcus Fernández

Díez & Romeo Abogados anuncia que o 30 de novembro de 2009 a Sala do Contencioso-administrativo da segunda sección do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia declarou contraria a dereito a adxudicación das concesións de TDT de ámbito local da demarcación de Pontevedra por quebrantar o artigo 7 da Lei 41/1995 da Televisións Locais, ou sexa, por conceder licenzas de TDT a entidades relacionadas entre si que constitúen unha unidade de decisión, o que tamén aconteceu en Ferrol (demarcación na que tamén anularon a adxudicación hai 10 días).
Estariamos ante o segundo pronunciamento do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia deste tipo, o que podería interpretarse como unha pauta, de xeito que é de agardar que todas as adxudicacións nas que se reproducise unha situación semellante quedarían anuladas.
No caso que nos ocupa, os adxudicatarios para a demarcación de Pontevedra serían Faro de Vigo, S.A.U., Televisión de Pontevedra, S.A., e Lérez Canal 29, S.L., considerando o Tribunal que as dúas últimas entidades terían relacións co grupo PRISA, o que conduciría á anulación das adxudicacións efectuadas tal e como reclamaba Televisión da Mancomunidade do Salnés, S.L., compañía prexudicada por tal adxudicación administrativa comunicada o 6 de xullo de 2006.
Cómpre destacar que no concurso pola demarcación de Pontevedra Lérez Canal 29, S.L. (Canal Rías Baixas) foi unha das entidades en acadar as puntuacións máis baixas nos informes A e B do concurso, non existindo ningunha explicación á súa adxudicación, o que contribúe a considerar que a concesión da súa licenza para a TDT de ámbito local estaba inxustificado.

PUBLICIDADE