A aplicación do teclado galego para o sistema Android, primeiro premio do certame Faite Dixit@l

venres, 19 de decembro do 2014 Redacción

Tal e como avanzamos dende Código Cero, a xornada deste venres ía ser completa no Edificio CINC de Santiago. Falamos da xornada Internet das Cousas, un seminario de expertos ao remate do cal entregáronse os premios do concurso de aplicacións móbiles de Faite Dixit@l, ao que se presentaron 12 aplicacións, e cuxo gañador, o creador da aplicación Teclado para Android, recibiu de mans de HP un ordenador portátil convertíbel en tableta.
A app que se impuxo co dito galardón vén da man de Álvaro Ordóñez, e permite integrar en dispositivos móbiles un teclado especificamente desenvolvido para escritura en idioma galego, que incorpora ademais un dicionario nesta lingua para facilitar a predición do texto.
O xurado do certame (unha das actividades do proxecto Faite Dixit@l!, organizado pola axencia AMTEGA en colaboración con Fundetec) salientou a orixinalidade e innovación da aplicación, o seu amplo nivel de emprego, o uso integrado doutros dispositivos do terminal, a solidez técnica da aplicación e a satisfacción co seu uso dunha necesidade social.
Ademais deste primeiro premio, dotado cun portátil transformábel en tableta e cedido como dixemos por Hewlett-Packard, foron concedidos catro diplomas para premiar a calidade das aplicacións noutros tantos aspectos.
O diploma á mellor perspectiva de negocio recaeu na aplicación Captura de datos de fabricación baseada en lectores NFC, de Jesús Alfonso López; o diploma á maior utilidade dunha aplicación para a sociedade foi para a aplicación Petroglifos de Galicia, deseñada por Carmen Lago; o diploma ao mellor deseño foi para a aplicación Creappcuentos, presentada por Avelino Correa; e o diploma para o mellor uso e máis sinxelo manexo foi para Rutea, desenvolvida por Roi Barcala Domínguez.
A entrega dos premios correu a cargo Mar Pereira, directora da AMTEGA, Alfonso Arbaiza, director xeral de Fundetec; César Branco, CEO de Academia Postal; Alfredo Ferreiro, director da delegación en Galicia de Hewlett-Packard; e dous dos membros do xurado Felicitas Rodríguez Xefa de Departamento de Sociedade da Información na área de Sociedade Dixital da AMTEGA e Raúl Fernández, coordinador de actas e informes e responsable TIC da FEGAMP.
Como dixemos, coa entrega de premios péchase a iniciativa Faite Dixit@l!, da que Mar Pereira ofreceu un reconto, desatacando que “durante os catro meses de desenvolvemento, participaron máis de 2.000 persoas en máis de 180 actividades executadas a través da rede CeMIT, cunha media de 25 centros noutras tantas localidades en cada unha delas”.

PUBLICIDADE