O dominio .gal activarase tecnicamente "nuns poucos días"
mércores, 12 de marzo do 2014

- Manuel González durante a cerimonia na que a Asociación PuntoGal recibiu o Premio da Cultura Galega o pasado mes de decembro
Esta mañá no marco da xornada A Mediación Cultural de Internet
organizada polo Consello da Cultura Galega o presidente da Asociación PuntoGal,
Manuel González, abordou o novo escenario para a Internet en Galicia amparado
pola posta en funcionamento do dominio .gal, confirmando que “nuns poucos días”
comezará o proceso para pór en marcha o novo dominio de primeiro nivel para a
lingua e a cultura galegas, culminando unha vella reivindicación da nosa
sociedade e deixando atrás os trámites burocráticos que fixeron tal posible.
A delegación do dominio .gal completarase en breve, de xeito que a Asociación
PuntoGal terá o control técnico do novo sufixo de Internet, para iniciar así un
proceso de rexistro de dominios baixo o .gal que desenvolverase por fases, para
que en poucos meses o dominio estea aberto a calquera particular interesado en
ter presenza na Rede co novo identificador galego.
González asegurou que a xestión do .gal correrá a cargo da Asociación PuntoGal,
que procurará manter a súa independencia e sustentarase economicamente grazas
aos ingresos achegados pola contratación de dominios (para o que estima que
serían preciosos uns oito mil rexistros ao ano) e, no caso de acadarse
beneficios, estes reinvestiranse na sociedade galega.
Nos vindeiros meses a Asociación PuntoGal dirixirá os seus esforzos a facer que
empresas e particulares de Galicia perciban a relevancia do dominio .gal, e así
fomenten o seu uso para que poida cumprir o seu papel na Internet como símbolo
da nosa identidade.
