O pasado xoves a Asociación PuntoGal celebraba en Vigo un acto no que daban conta do remate da Fase de Lanzamento do dominio .gal, e anunciaba que o dominio para a sociedade galega abriría o seu rexistro ao público durante a xornada de hoxe, de xeito que ao longo da mañá puidemos ver como, por unha banda, calquera persoa podía rexistrar un dominio .gal a través dunha serie de axentes rexistradores, e por outra, activábanse preto dun milleiro de dominios .gal procedentes da fase de rexistro anterior.
Temos así toda unha xornada histórica na que centos de dominios co sufixo .gal, entre os que se atopa codigocero.gal, entraron en funcionamento, de xeito que nas vindeiras semanas veremos como numerosas institucións e servizos da nosa terra mudarán os seus nomes na Internet, comezando a dar prioridade ao indicador galego á hora abrirse ao mundo.


A partires de hoxe os dominios .gal pasan a comportarse como practicamente calquera outro dominio da Internet, de xeito que calquera pode proceder ao seu rexistro, sempre que logo se faga un uso do mesmo que se adapte á normativa do propio dominio (con condicións como ter contidos en galego ou dirixidos á sociedade galega).
O dominio .gal principia hoxe a súa fase aberta
Compartir Este Artigo
