O operadores galegos de redes sen fíos de banda larga únense na loita contra a fenda dixital no rural

xoves, 23 de xuño do 2011 Marcus Fernández

Para coordinar e actuar de xeito conxunto no espallamento de redes de banda larga sen fíos en Galicia naceu esta mañá a Asociación de Operadores Galegos de Redes Sen Fíos de Banda Larga, OperGal, formada inicialmente por 10 empresas galegas especializadas no sector que operan redes que dan cobertura de Internet en máis de 110 concellos galegos nos que superan os 11.000 usuarios entre particulares, empresas e administracións públicas.
Estas compañías contribúen especialmente en achegar a Rede a lugares a onde habitualmente non chegan os operadores tradicionais, conseguindo dar unhas conexións de acceso a unha velocidades que poden considerarse de banda larga e a uns prezos bastante competitivos, de xeito que a conectividade no rural galego deixa de ser un luxo.

Esta mañá formalizouse a creación da asociación OperGal

As empresas que conforman inicialmente OperGal son Duo Teleco, Gestecno, Gestión de Datos, eLan (Icoeume), Intermax Technology, Mira Novas Tecnoloxías, S.L. (Minotec), Nauta, Tripla, Red de Enseñanza Multimedia (REDEM), Javier Mouriño López e Terra Cha Technology, que suporían preto do 90% do sector en Galicia, e xa estableceron contactos con outras compañías máis cativas que manifestaron o seu interese en adherirse á nova asociación.
No acto de presentación de OperGal que tivo lugar esta mañá no Hotel Puerta del Camino en Santiago de Compostela formalizouse a creación da asociación e asegurouse ante os medios de comunicación que actualmente as compañías asociadas xeran uns 50 postos de traballo en Galicia, o que pode incrementarse considerablemente (superando incluso os 200) de acadar Intermax Technology unha subvención da Xunta de Galicia para o despregue da banda larga sen fíos no rural galego (que cubriría o 40% dos investimentos para loitar contra a fenda dixital no rural, cuns 275.000 fogares sen acceso á Rede) , para o que contan co apoio do resto de integrantes de OperGal para levar as súas redes sen fíos en banda libre a usuarios finais e incluso agardan poder achegar a conexión a través de banda licenciada alí onde sexa preciso grazas á colaboración doutras compañías que operan en Galicia.

Javier Mouriño, xerente de Intermax, insistiu no feito de que a súa compañía optou a unha liña de subvencións da Xunta que podería contribuír a mellorar o acceso á Internet no rural, á vez que crearía emprego en Galicia

A profesionalidade das compañías que conforman OperGal queda evidente no duro traballo que veñen a desenvolver principalmente nos últimos 3 anos, nos que moitos concellos cunha cobertura de acceso á Internet deficiente viron como pequenos núcleos de poboación moi dispersos puideron subirse ao carro da Sociedade da Información grazas a estas redes sen fíos espalladas por compañías locais. Algunhas destas vilas incluso estaban beneficiadas por plans de espallamento da banda larga, e tiveron que recorrer aos servizos de compañías integrantes de OperGal para poder reforzar as infraestruturas sen fíos (como está a acontecer no caso do concello lugués de Palas de Rei).

OperGal bota a andar con 10 empresas galegas que levan o acceso á Rede ao rural galego

Representantes das empresas que conforman a asociación:
- Duo Telecomunicaciones S.L.
José Antonio Garrido Cimadevila (VICEPRESIDENTE)
- Gestecno Gestión de Datos S.L.
Manuel Vidal Herbón
- Instalaciones y comunicaciones del Eume ICOEUME S.L.
Ignacio Concheiro Coello
- Intermax Technology S.L.
Javier Mouriño López
- Mira Novas Tecnoloxías S.L.
Roberto Carlos Valverde Sabín (PRESIDENTE)
- Nauta
Pablo Fernández Campelo (SECRETARIO)
- Operadora Tripla S.L.
Carlos Balsa
- Red de enseñanza Multimedia S.L.
Manuel Vidal Herbón
- Terra Cha Technology
Juan Manuel García Díez
- Javier Mouriño
Javier Mouriño López

PUBLICIDADE