O software Libra da firma galega Edisa obtén o certificado da Autoridade Tributaria portuguesa

martes, 18 de setembro do 2012 Fernando Sarasketa

A empresa galega Edisa, con sedes en Vigo e Ourense, vén de recibir un novo impulso pola súa actividade en desenvolvemento e integración de software para a xestión e a actividade das empresas ou entidades públicas, máis polo miúdo grazas a Libra, recurso recentemente certificado pola Autoridade Tributaria de Portugal, dependente do Ministerio de Finanzas do país irmán. Este novo pulo ao ERP Libra converte á firma galega “nunha das primeiras compañías estatais que adapta o seu software dirixido á planificación de recursos empresariais (ERP) á nova lexislación portuguesa”.
Cómpre lembrar que o Goberno luso estableceu o pasado mes de abril que tódalas súas empresas afianzadas no seu territorio están obrigadas a empregar, para a súa xestión de tipo económico e financeiro, unha plataforma software certificada. Asemade, a norma estipula o deber de incluír as sinaturas dixitais das facturas no envorcado de datos, e todo seguindo a normativa SAFT definida por lei en Portugal hai xa varios anos.
Con esta certificación obtida por Libra, recoñécese que garante tódolos requirimentos da lexislación tributaria e financeira vixente no país, permitíndolle á empresa galega seguir traballando nun mercado “que se converteu nunha parte fundamental do negocio da firma”, sinalan fontes de Edisa.
En palabras de Carlos Suárez Rey, director xerente, “con esta certificación dase un importante paso para poder dar soporte ás nosas implantacións en Portugal e outros países que teñen semellantes requisitos como Angola ou Mozambique; esta certificación non foi de obtención doada, xa que as esixencias que a facenda portuguesa impón ás empresas medianas e grandes son moi elevadas no que se refire á información que estas deben achegar e os controis que teñen que incluír nos seus sistemas”. Para Carlos Suárez, este tipo de requirimentos son tamén frecuentes nos países de Latinoamérica e é previsible que tamén se soliciten en España nos vindeiros anos.