Redelibros e Meubook convocan un certame dixital de relatos

xoves, 6 de outubro do 2011 Fernando Sarasketa

As plataformas galegas Meubook e Redelibros, destinadas a impulsar novos xeitos de promover o noso achegamento á cultura galega, vén de pór en marcha a primeira edición do Certame de Relatos Tempos Dixitais. O concurso, destinado a fomentar a creatividade e a escrita en lingua galega nas redes e ferramentas sociais, as 2.0, xorde cunha clara vontade social de espallamento da lectura. De feito, segundo informan as plataformas dixitais convocantes, os beneficios das vendas do volume de relatos que se publicará cos relatos seleccionados serán doados a unha asociación sen arela de lucro que traballe a prol da nosa lingua, a cultura e unha das súas principais feituras visíbeis: os libros. A asociación, por certo, será elixida polos usuarios da rede social Redelibros, unha vella coñecida de Código Cero.
Poderán participar no certame todas as persoas maiores de 14 anos, de calquera nacionalidade. Cada autor estará en disposición de presentar un máximo de dous relatos, sempre que sexan orixinais e inéditos. As obras han de estar escritas en galego e en forma narrativa. A temática será libre. A extensión mínima dos relatos é de 20.000 matrices (caracteres con espazos) e máxima de 50.000. Para participar no certame, o/a autor/a deberá estar rexistrado como usuario na rede social Redelibros. Para presentar os relatos, deberá publicalos na sección Textos da devandita comunidade 2.0 e seleccionar, no momento de facelo, a categoría Tempos dixitais creada ao efecto.
O prazo de admisión comprenderá dos días do 1 de outubro ao 30 de novembro de 2011.
A organización do concurso quere sacarlle o máximo partido ás ferramentas 2.0 que ten ao seu alcance, e que teñen ao seu alcance os usuarios e potenciais participantes, para o proceso de presentación de achegas e valoracións. De feito, os relatos subidos serán votados e comentados por todos os usuarios de Redelibros que así o desexen mediante o sistema de valoración por estrelas que aparece na parte inferior de cada texto subido. Só entrarán na selección final os relatos que teñan un mínimo de cinco valoracións de usuarios. Por este método elixiranse os cinco primeiros clasificados. Paralelamente, un xurado elixido por Meubook e Redelibros seleccionará dous relatos máis (que poden coincidir ou non cos máis votados).
O anuncio definitivo dos seleccionados farase nun acto público o 4 de decembro, na feira Culturgal (Pontevedra). Todos os relatos premiados serán publicados por Meubook e Redelibros nun volume conxunto, en formato epub e papel (impresión baixo demanda) e distribuídos na tenda online de Meubook e na de Redelibros. A cada autor seleccionado seranlle entregados dous exemplares en papel e un epub.

info portfolio

PUBLICIDADE