Trasno anuncia novas versións en galego de OpenOffice e LibreOffice ao tempo que se solidariza coas vítimas do Alvia
venres, 26 de xullo do 2013
Os membros do Proxecto
Trasno comezaron esta semana dando novos froitos procedentes do
seu importante labor de tradución de programas abertos nacionais e
internacionais á nosa lingua: por unha banda a nova versión de
Apache Apache OpenOffice
e, pola outra, a máis recente entrega de Libreoffice.
Estas achegas en galego déronse a coñecer xusto antes da triste
traxedia do tren de Santiago, cousa que xerou que viñesen
acompañadas de sinais de loito e condolencia por parte da comunidade
Trasno, que amosou a súa solidariedade
coas vítimas e familiares do accidente, unha homenaxe á que se
unen outras entidades do software libre galego, como
Mancomún precisamente.
Polo que atinxe á suite ofimática Apache
OpenOffice 4.0, dicir que vén cunha nova e máis moderna interface
de usuario, con melloras na interoperabilidade con Microsoft Office,
maior compatibilidade gráfica e moitas outras melloras que se poden
ver polo miúdo nas notas
da nova versión, dispoñíbeis en galego. Salientar, iso si, que
conta coa súa interface de usuarios cen cen por cen traducida á
nosa lingua, sobre a que se mantén, informa Trasno, “unha
compatibilidade de estilo e terminoloxía coa súa irmá LibreOffice
en beneficio dos usuarios”. De querermos descargar OpenOffice
en galego abonda con ir á páxina
de descargas do proxecto, onde podemos obter tanto o paquete
completo para unha instalación en Windows, Linux ou Mac como os
paquetes de idioma por se xa temos instalada a versión 4.0 pero non
contamos coa interface e os recursos lingüísticos no noso idioma.
Ademais é posible descargar extensións para esta suite dende a nova
páxina
de extensións de OpenOffice.
No que atinxe a LibreOffice 4.1, sinalar que inclúe
unha longa listaxe de optimizacións no eido de compatibilidade de
documentos, medrando as oportunidades de compartir coñecemento cos
usuarios de software privativo mentres se mantén o deseño orixinal
e os seus contidos. Engadir a incorporación de tipos de letra en
Writer, Calc, Impress e Draw e o fornecemento de funcionalidades de
Apache OpenOffice, como a barra lateral de Symphony (versión de
OpenOffice de IBM). Podemos obter LibreOffice
4.1 en galego dende a páxina do proxecto. As extensións para
esta suite están dispoñibles na páxina
de extensións de Libreoffice, infórmase dende Mancomún e
Trasno.