Bórrame No sector libreiro, hai unha situación que, de tanto repetila os medios de comunicación, os propios libreiros, os editores ou mesmo os escritores, xa semella que se leva dando dende sempre: o sector está en crise. Non mercamos libros abondo, e incluso a mesma xente á que lle gusta ler opta en moitas ocasións polo empréstimo antes que pola compra mesma, debido ós serios problemas que lles ocasionaría para as súas economías particulares mercar todo o que quixeran (digámolo así: publícanse libros ben caros). Sexa como sexa, a Federación de Libreiros de Galicia está a poñer en marcha unha serie de medidas (un proxecto global de reconversión) para pór remedio a esta situación, achegándose máis ó lector, dándolle máis facilidades na distribuición e conseguindo tamén librarías máis competitivas. Para unha parte destas medidas contará coa axuda da Consellería de Innovación, con quen asinou un acordo destinado a “desenvolver actuacións orientadas a acadar unha rede comercial de calidade”. En que consistirían as actuacións deste acordo? Pois, en gran medida basearanse na incorporación eficaz e rendible das novas tecnoloxías da información no sector e na promoción comercial sectorial-unitaria no punto de venda. Deste xeito, entre outras iniciativas, porase en marcha unha páxina web para os libreiros e, ademais, deseñaranse e confecccionaranse bolsas para punto de venda. Estas e outras actuacións levarán consigo un orzamento duns 103.000 euros, dos que a metade veñen achegados pola Consellería de Innovación.
Lugo será pioneira en Europa cunha rede Wimax para o Polígono do Ceao Vémolo en El Progreso: nos vindeiros meses, Lugo convertirase na primeira cidade de Europa con tecnoloxía Wimax para conectarse a Internet. Trátase dunha das melloras previstas no Proxecto Parque, de ámbito europeo, no que están a participar outras entidades empresariais de distintos paises e que lle vai permitir á cidade galega contar cun sistema de comunicacións avanzado no parque empresarial do Ceao. Esta instalación, que contará con paneis solares para o seu mantenemento enerxético, ademais de ofrecer (segundo o Concello de Lugo) fiabilidade, seguridade, autonomía e mobilidade, permitiralle ós empresarios conectarse á Rede dende calquera punto do parque. O concurso público para a instalación e a explotación deste sistema sairá en novembro, segundo indicou o Concello.
Aberto xa o prazo de solicitude de prazas para a Linux Party 2006 Do vindeiro 12 ó 15 de outubro celebrarase unha nova edición da Linux Party 2006, un evento organizado por GALPon en colaboración con AGNIX e co Concello do Porriño e que reunirá no Polideportivo Municipal da cidade a 500 participantes. Ademais de relatorios, coloquios e mesas de debate -entre outras actividades-, na Linux Party 2006 contarase con 150 conexións dispoñibles para o computador. O prazo para solicitar a reserva de praza xa está aberto dende o 25 de setembro e manterase até esgotar as vacantes ofertadas. Para darse de alta é preciso entrar na web de GALPon.org e cumprimentar a solicitude correspondente seguindo os pasos indicados así como pagar un importe de 10 euros antes do 12 de outubro. Para máis información, está a disposición dos interesados a dirección de correo electrónico: inscripciones@galpon.org.
A Consellería de Innovación e AETIC traballarán conxuntamente contra a fenda dixital A fenda tecnolóxica, como moitos outros problemas de Galiza non unha cuestión que se poida resolver con iniciativas a título individual. Fai falla pechas ringleiras, e para iso tamén é necesario unha actividade conxunta. É nesa liña onde se sitúa o compromiso de traballo ombro con ombro que veñen de establecer a Consellería de Innovación e a Asociación de Empresas de Electrónica, Tecnoloxías da Información e Telecomunicacións (AETIC). Segundo informa esta organización, a primeira xuntanza celebrouse o 26 de setembro en Santiago, onde as dúas partes coincidiron na necesidade de concentrar esforzos a prol de afianza-la presenza das novas tecnoloxías en Galiza, nos sectores sociais e de asistencia, produtivos, turísticos, educativos ou sanitarios.
Outras novas
10 obras da literatura universal traduciranse ó galego para a súa publicación na web A Consellaría de Cultura e Deporte, a través da Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural e en colaboración coa Asociación de Tradutores, publicará en galego o vindeiro ano dez obras da literatura universal, que estarán dispoñibles en Internet. A Asociación xa conta actualmente con máis de 100 obras na Biblioteca Virtual de literatura universal en galego, BiVir. As obras que serán traducidas ó galego son as seguintes: Salambó, de Gustave Flaubert; The Jacket, de Jack London; A consciencia de Zeno, Italo Svevo; A illa misteriosa, de Jules Verne; Wakefield, de Nathaniel Hawthorne; Contos negros para rapaces brancos, de Blaise Cendrars; Lord Jim, de Joseph Conrad; Michael Kohlhaas, de Heinrich von Kleist; O demo no corpo, Raymond Radiguet. A estes hailles que engadir unha Seleccion de literatura rusa, con textos de Pushkin, Gogol, Turgenev, Dostoievsky, Tolstoi, Saltykov, Korolenko, Garshin, Chekhov, Sologub, Potapenko, Semyonov, Gorky, Andreyev, Artzybashev e Kuprin.
A Nintendo DS permite levar Las Vegas no teu peto Este venres chega ás tendas españolas 42 juegos de siempre para Nintendo DS, que é un cartucho no que se inclúen xogos clásicos coma o poker, o blackjack, o xadrez, as damas ou o backgammon, sen esquecer outras opcións máis populares coma o dominó, o billar ou os dardos. Os xogos poden empregarse de xeito individual ou multixogador (aproveitando a capacidade Wi-Fi da consola portátil de Nintendo) que tamén pode espallarse á Internet a través da rede Conexión Wi-Fi. O novo produto para Nintendo Ds pódese mercar a 39,95 euros.
Melloran a interface de Google Reader O lector de novas a través de fluxos RSS de Google vén de estrear unha nova interface mellorada, máis semellante ó sistema de correo electrónico GMail e que permite realizar un seguimento doado dos novos medios favoritos (que permitan a sindicación de contidos). A nova interface de Google Reader permite marcar elementos coma lidos ou non lidos, inclúe cartafoles de navegación, permite compartir elementos con amigos nun so click, e outras melloras que poderían achegar unha fusión próxima entre o Google Reader e o GMail (lembremos que clientes de correo electrónico coma Mozilla Thunderbird tamén permiten seguir fluxos RSS). Moitos usuarios tamén agradecerán que presente unha versión adaptada para dispositivos móbiles, de xeito que podemos estar ó día dende calquera lugar.
Comezan a vender no Reino Unido un ton de móbil que só poden oír os mozos Compound Security desenvolveu un ton para móbil coñecido coma Mosquito, que semella un zumbido e que emite nunha alta frecuencia que fai difícil a súa percepción por parte dos adultos (que co paso dos anos perden a facultade de escoitar as frecuencias máis elevadas). Este sistema deseñouse inicialmente para afastar a vándalos das zonas de tendas (esas frecuencias poden resultar especialmente irritantes), pero agora atoparon un uso máis orixinal, baseándose na dificultade que teñen os adultos en escoitar frecuencias superiores ós 13 ou 14 KHz. Esta presbiacusia é gradual, e cambia segundo a persoa, de xeito que as frecuencias indicadas deixan de ser apreciables nun rango de idades que van entre os 18 e os 75 anos.
Firma convidada
Moncho Paz Moderador de Xanela Aberta en Código TV