15,6 millóns de dólares para os gañadores dun torneo de DOTA 2

luns, 26 de agosto do 2019 Marcus Fernández

O mes pasado as finais da Fortnite World Cup chamaron a atención polo feito de que un mozo de 16 anos conseguise un premio de 3 millóns de dólares ao proclamarse campión mundial do xogo de Epic Games, o que sería o meirande premio individual da historia dun torneo de videoxogos, o campionato de DOTA 2 coñecido como The International tampouco quixo quedar atrás, e ofreceu máis de 34 millóns de dólares en premios, dos que 15,6 millóns correspondían ao primeiro posto, o que sería o premio máis grande da historia dos videoxogos, só que desta volta trátase dunha competición por equipos, que de repartirse en partes iguais quedarían en 3,1 millóns de dólares para cada un, superando así a marca de Fortnite e todos os efectos.
Pero a vitoria do equipo OG non só fixo historia por ser a que conseguiu o premio de maior contía, senón tamén polo feito de que é a primeira vez que un equipo consegue reter a súa coroa e ter dous trofeos Aegis dos Campións.
Para por en contexto o volume dos premios que se están a mover actualmente nos eSports, o consultor do sector Rod Breslau, destacou que xa superaban a outros deportes como o tenis ou o golf, pois este ano Wimbledon achegou 2,9 millóns de dólares ao seu gañador, e, o Masters de Augusta, 2 millóns de dólares, aínda que a comparación non estaría equilibrada, xa que The International é unha competición única, mentres que os circuítos de deportes profesionais contan con moitas outras oportunidades de facerse con grandes premios ao longo do ano (á vez que tamén moven cantidades moi diferentes en contratos publicitarios).

PUBLICIDADE