Os usuarios de reprodutores Zen MicroPhoto e Zen Vision:M veñen de levar unha sorpresa ó actualizar os seus dispositivos para incorporar melloras ós mesmos, xa que ás melloras foron acompañadas coa eliminación dunha das prestacións dos reprodutores: a gravación de radio.
A presión da RIAA (organización homóloga á SGAE nos EE.UU.) contra os dispositivos de gravación de radio que supostamente estarían a producir dano á industria musical serviu para facer que fabricantes coma Creative non se queiran meter en pleitos coas discográficas e así eliminan a función de gravación de radio FM dende os seus reprodutores que o permitían.
A RIAA incrementou as súas actuacións contra a gravación de radio trala aparición de receptores de radio dixital que incluían a opción de gravación e incluso permitían separar as cancións en ficheiros separados, o que permitía a copia sen perda de calidade, o que supón unha ameaza para o modelo de negocio da venda de discos ou de temas soltos, pero sorprende que tomen medidas contra a gravación de radio FM, pois é unha práctica que se vén realizando dende a existencia dos radio-cassettes.
Pese a esta limitación, a quen non lle interese a gravación de radio, a actualización do firmware do Creative Zen Vision:M si incorpora prestacións interesantes como as posibilidades de limitar o volume do reprodutor (para evitar danos auditivos), mellora os tempos de transferencia de ficheiros protexidos con tecnoloxía DRM, permite facer zoom nos vídeos reproducidos, mellora a carga da súa batería, acelera os tempos de inicio e navegación e asegura que se manteñan as proporcións dos vídeos os reproducilos a través da toma de saída de televisión. Prestacións sen dúbida benvidas polos usuarios, que seguro que non gustarán de ter que perder unha das características básicas do reprodutor para poder gozar das mesmas.
Creative elimina a gravación de radio FM dos seus reprodutores
Compartir Este Artigo
