Tendo en conta que hoxe en día unha boa parte dos paquetes de viaxes, entradas para concertos ou obras de teatro ou novidades tecnolóxicas mércanse xa na Rede, resulta importante e salientable que haxa iniciativas orientadas a poñer un pouco de orde nun mercado en liña saturado abondo.
Amais, a situación dificilmente empeorará se a devandita iniciativa vai encamiñada só a dar cabida a produtos de prezo razoable para todas aquelas economías que non son coma a de Esperanza Aguirre. Falamos da web masbaratonadie.com, un servizo desenvolvido polo cambadés Marcos Fernández e que (nas súas propias palabras) “vén a ser unha selección das mellores ofertas existentes en Internet e reunidas nunha soa páxina para facilitar as compras ós internautas”.
No seu punto de mira está a seguinte gran porción de mercado: a da gran maioría de usuarios de novas canles tecnolóxicas que adoitan a mercar libros, aparellos de tecnoloxía, entradas para concertos e obras de teatro ou mesmo viaxes e non desexan empregar tempo de máis ó día na procura dos produtos máis accesibles para os seus petos. A web é, por así dicilo, unha proposta acabada de chegar.
Púxose en marcha este mes de outubro e fica aínda en fase de probas, polo que é moi probable que sexan ben recibidas as suxestións dos usuarios (por certo que aquí vai a de Código Cero: a web pide claramente unha versión en galego).
Segundo datos achegados por Marcos, malia a súa breve “vida”, o servizo xa recibiu máis de 90.000 visitas, “xerando cifras que a sitúan como un dos portais de compras e de meirande proxección”. Cómpre salientar que detrás da páxina non semella haber influencias de tipo comercial-exclusivista que nos fagan pensar que as ofertas aparecen na pantalla non por ser boas e baratas, senón porque así vén estipulado nun contrato de fidelidade total coas firmas subministradoras. É dicir: “Do que se trata é de ofrecer un servizo independente”, sinala Marcos. E engade: “Na sección de billetes de avión, por exemplo, conta cun potente comparador de axencias que lle permite ó visitante asegurarse de que está a facerse coa mellor tarifa. Así, aínda que a web ten asinados convenios coas máis importantes empresas de cada sector, non ten exclusividade con ningunha delas”.
Ademais, a xuízo do responsable desta iniciativa web, a páxina tamén ten unha función normalizadora no emprego empresarial en Galicia das novas tecnoloxías. É dicir, serve para demostrar que é posible sacar adiante proxectos de negocio dende unha terra (a nosa) que moitos (incluso nós) teñen considerado periférica de máis para formar parte activa da Sociedade da Información. Mais a Sociedade da Información, dentro de todos os seus graves defectos, tamén semella permitir e incluso animar a entrada de xogo de proxectos a contrapelo dos das grandes corporacións. E aquí temos un exemplo.
Masbaratonadie.com: iniciativa galega para facernos o lecer máis accesible
Compartir Este Artigo
