Os mercados de traballo están dende hai tempo en Internet, por se alguén aínda non se decatou. Todo comezou coas ocupacións máis estreitamente cinguidas ás novas tecnoloxías da información e agora nin sequera fican á marxe os sectores da construción ou do transporte. Até certo punto, non deixa de ter certa lóxica que poñamos anuncios de traballo alí onde hai máis posibilidades de que nos lean: na Rede (e en calquera país). Sobre esta filosofía apóianse servizos novos como CVexplorer.com, que está neste intre –precisamente– facendo o propio: dándose a coñecer na Rede ata no máis recóndito.
Esta ferramenta, que forma parte dun nada desprezable número de ferramentas en liña de busca de traballo das que iremos dando en conta ó longo dos meses vindeiros, está operativa dende o mes de abril pasado e, segundo os seus creadores (os responsables da empresa do mesmo nome), é a primeira destas características que opera a nivel estatal. É dicir, é a primeira (insistimos: segundo a propia empresa) que cobre as necesidades dos directivos que desexen achegar o seu currículo “ó meirande número posible de cazatalentos (headhunters) e empresas de selección”.
Asemade, cobre tamén as necesidades dos propios cazatalentos, xa que lles facilita a procura de candidatos para as súas iniciativas innovadoras ou as de outros. Cómpre sinalar que, como soe acontecer neste tipo de servizos, os datos achegados polos internautas son tratados de xeito confidencial. Neste intre, a web achega a súa base de datos a unhas oitenta destas empresas de procura de traballadores das que falamos máis arriba: as headhunters.
O servizo, a diferenza doutros que levan anos operando na Rede e que teñen certas semellanzas (Infojobs, por exemplo), é de pago.
O seu funcionamento segue certos patróns coñecidos: o usuario faille chegar a CVexplorer o seu currículo (con experiencia profesional e coñecementos) para logo entrar a formar parte dunha base de datos que é o sitio onde se botan a explorar os cazatalentos. Amais, cada candidato poderá dispoñer dunha caixa de correo que será a súa principal canle de diálogo coas empresas ou profesionais.
CVexplorer.com: novo servizo para ofrecer o noso talento e disposición laboral en Internet
Compartir Este Artigo
