No eido da tecnoloxía (e noutros eidos seguro que tamén), unha das teimas máis preocupantes das empresas e insistir día tras día no moito que están a traballar polo noso benestar, por facernos a vida máis doada e agradable. Porén, moi poucas se preocupan de darlle unha saída sostible e axeitada ós seus produtos unha vez que xa non cumpren a súa función (os países máis pobres do mundo estanse a encher de lixo tecnolóxico e non saben que facer con el). Mentres, obrigan ós consumidores a desfacerse ós poucos anos (ou ata meses) da tecnoloxía que foi vendida como un desenvolvemento para perdurar e a reemprazala por outra nova que (agora si) vai ser o invento definitivo.
O caso do DVD é paradigmático de todo isto, cos dous novos formatos (HD DVD e Blu-ray) que veñen a substituílo nos nosos fogares poñéndonos ademais no dilema de decidírmonos entre un e outro, como en tempos tivemos que optar entre o VHS e o Beta. A solución a toda esta enleada? Probablemente pase por agardar a que a situación se estabilice e os prezos baixen antes de mercar nada, pero para os que non poden aturar a espera quizais sexa unha boa opción a que vén de presentar LG: un reprodutor dual cos formatos Blu-Ray e HD-DVD.
É este un claro caso de oportunismo empresarial que se aproveita do desespero e do enfado dos consumidores? Probablemente así sexa, pero o certo é que non lle falla sentido común á proposta (xa que Sony e Toshiba, desenvolvedores dos dous devanditos formatos, non chegaron a amosalo cun acordo de compatibilidade). O curioso é que LG, ata o de agora, situouse claramente partidario do Blu-ray (o de Sony), mais foi a principios do ano que xa pasou cando decidiu emprazar a súa posición nun lugar máis intermedio. O reprodutor dual de alta definición de LG aparecerá en breve en Estados Unidos, dixo LG nun comunicado, sen achegar apenas máis detalles.
LG lanzará en breve un reprodutor dual de HD DVD e Blu-ray
Compartir Este Artigo
