
A sexta edición do Encontro Galego de Ciberseguridade, CIBER.gal, que se celebrará os días 4, 5 e 6 de novembro no Edificio Fontán da Cidade da Cultura de Galicia, empezou xa a recibir inscricións para esta edición.
Afianzado como un evento de referencia para o ecosistema galego da ciberseguridade, o VI Encontro CIBER.gal reunirá durante tres días a profesionais, empresas, administracións públicas, estudantes e cidadanía para compartir coñecemento, coñecer novas solucións e analizar os retos dun contorno dixital en constante evolución.
O Encontro está novamente organizado pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) e o Nodo CIBER.gal, coa colaboración do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG).
Segundo informou AMTEGA, o programa da sexta edición estrutúrase en tres xornadas con contidos adaptados aos distintos públicos. A primeira estará orientada á Administración Pública; a segunda, ao tecido empresarial, ao emprendemento e ao ámbito profesional; e a terceira terá un carácter divulgativo, cunha atención especial á comunidade educativa e á cidadanía.
As tres xornadas poderán seguirse de forma presencial ou en liña, previa inscrición en liña, con prazas limitadas para a asistencia física. A participación é totalmente gratuíta ata completar aforo.
Segundo engade AMTEGA, a presente edición “reunirá a persoas de recoñecido prestixio nacional e internacional que abordarán, entre outras cuestións, a directiva europea de ciberseguridade NIS2, a gobernanza da intelixencia artificial aplicada á ciberseguridade, a identidade dixital, ou o financiamento de empresas emerxentes”.
Como novidade, este ano os asistentes terán a oportunidade de coñecer, previa inscrición, as instalacións, capacidades e os servizos dos laboratorios e centros demostradores de ciberseguridade da Xunta de Galicia en produtos con elementos dixitais e ciberseguridade industrial.
Concurso Ciberseguridade no Cole

O programa inclúe tamén a final do concurso escolar Ciberseguridade no cole!, organizado por Telefónica como patrocinadora do evento, con actividades dinámicas para escolares, organizados por S2 Grupo, e unha competición de retos Capture The Flag (CTF), impulsada polo centro tecnolóxico Gradiant.
Ao longo das xornadas, os asistentes presenciais poderán desfrutar de momentos de networking con café, aperitivos e sorteos, nun ambiente pensado para favorecer a colaboración e o intercambio de experiencias entre estudantes, profesionais e empresas.
