
Dito doutro xeito: daría que falar, só polo feito de ser famoso/a. É o caso de Adriana Cicarelli, ex esposa do futbolista Ronaldo e, a fin de contas, un novo caso de persoa aldraxada polos usuarios de YouTube. En realidade, non hai día en que o popular servizo de vídeos en liña deixe de verse nun brete semellante, pero (insistimos) o que diferenza este caso é a popularidade do suxeito.
A isto hai que engadir a virulencia coa que vén de actuar un tribunal brasileiro ó emitir unha orde para bloquear o acceso a YouTube, dado que os responsables deste espazo non retiraron o vídeo (visto por milleiros de internautas) no que a modelo aparecía co seu mozo nunha praia de Cádiz onde facían (todo sexa dito) o que fan tódalas parellas de namorados no verán nas praias, nin máis nin menos.
O vídeo foi emitido por vez primeira en Tele 5 e logo en diversas cadeas brasileiras. Foi aí cando a parella iniciou accións legais, accións que non foron tidas en conta por YouTube. O resultado desta enleada é, por así dicilo, unha especie de liorta entre os internautas daquel país (por unha banda), que defenden a liberdade de expresión na Rede e o libre acceso ós seus contidos e (por outra banda) a xustiza brasileira e o avogado da parella, Rubens Decoussau, quen afirma que o bloqueo de YouTube “é tecnicamente posible e que será cumprido polas empresas do país que achegan conexión internacional de internet a Brasil”.
Mentres tanto, a comunidade internauta xa fala dun claro caso de censura. Sexa como sexa, é moi probable que, como tódalas historias que van a dar ós circuítos mediáticos de lercheo, o tema siga dando que falar nos vindeiros días.
Os internautas cualifican de censura a ameaza de bloqueo a YouTube dende a xustiza de Brasil
Compartir Este Artigo
