O cambio climático implícanos a todos, por moito que George Bush siga coa teima de crer que unicamente estamos ante un par de anos de inusitada calor circunstancial e que o mellor que podemos facer é meter as dedas en auga fría (sexa como sexa, agora semella que xa cambiou o conto). O buscador Yahoo!, que probablemente non sexa un dos grandes responsables da desfeita (polo menos, non cremos que polo feito de facer unha busca na Rede se incrementen as emisións de CO2, aínda que todo é posible), vén de implicarse na loita contra o quecemento da Terra. E faino a través dunha alianza co produtor do documental The awful thruth (Lawrence Bender) para abrir un espazo web encamiñado a sensibilizar ós cidadáns dos Estados Unidos sobre un problema que lles atinxe máis do que pensan.
Nun principio, a web irá destinada sobre todo a recomendarlles que aforren enerxía. Por exemplo: promovendo o emprego de lámpadas fluorescentes compactas (CFL) en troques das tradicionais, que consumen cinco veces menos de enerxía e fican operativas durante moito máis tempo. Así (di Yahoo!) se substituímos un dispositivo por outro (o novo, na imaxe), estaremos rebaixando en 204 quilos as emisións de CO2 lanzados á atmosfera pola queima de carbón. O proxecto web foi presentado esta semana, xunto coa propia organización, 18seconds movement, que tamén operará fóra da Internet.
Nós quedámonos co lema da campaña, directo como un gancho de esquerdas cara ás fazulas de Bush: “Cambiar unha lámpada cambia todo”. Por certo que a iniciativa ten ese nome, 18seconds movement, porque é o tempo de media que empregamos en cambiar unha lámpada, sempre e cando non sexamos desa clase de individuos que (por norma) estamos convencidos da nosa maña en materia de traballos do fogar e bricolaxes e que cada vez que nos subimos a unha cadeira, acabamos caendo ó baleiro.
Yahoo! implícase na loita contra o quecemento da Terra
Compartir Este Artigo
