
A actualización de software 27.2 dos altofalantes HomePod incorpora unha opción para desactivar os controis táctiles da parte superior, ademais de reducir a latencia na conexión con determinados Mac, engadir efectos luminosos sincronizados coa música e habilitar configuracións de son envolvente para o cine doméstico.
A posibilidade de bloquear a superficie táctil é unha das novidades máis prácticas da actualización, xa que evita que un contacto accidental active a reprodución de música ou modifique o volume, así como tamén soluciona o problema dos toques fantasma que para algúns usuarios supuxo a retirada dos trebellos no seu fogar (xa que chegaban a reproducir música a un volume elevado a horas intempestivas ou cando non estaba ninguén en casa para apagalos). Esta medida non solucionaría o problema de base, pero funcionaría como parche. A función desactiva as accións táctiles, incluídas as pulsacións prolongadas e os axustes de volume, pero mantén operativas funcións como o intercomunicador, as alarmas, os temporizadores, Check In e as chamadas de FaceTime.
Cando o bloqueo está activado, a superficie superior do altofalante mostra unha animación vermella que permite identificar o estado da función. A novidade está dispoñible en todas as xeracións dos HomePod, incluído o modelo orixinal, polo que non require adquirir un dos dispositivos máis recentes.
A actualización tamén mellora a integración dos HomePod cos ordenadores de Apple. Os HomePod de segunda xeración e os HomePod mini 2 poden funcionar como saída de audio predeterminada dun Mac compatible, cunha latencia reducida que permite empregalos en aplicacións que necesitan unha resposta sonora inmediata. Entre os usos posibles están a creación musical con Logic Pro, as chamadas de audio e vídeo e a reprodución dos efectos de son do propio sistema operativo.
Para aproveitar esta mellora cómpre dispor dun Mac compatible con Wi-Fi 6E. A limitación afecta ao hardware do ordenador, non ao router sen fíos, e deixa fóra algúns equipos con procesadores Apple Silicon de primeira xeración, como os da familia M1. O sistema emprega unha conexión directa entre o Mac e o altofalante para reducir o atraso fronte ao funcionamento tradicional mediante AirPlay.
Outra das novidades é Sound Glow, unha función que transforma a iluminación da parte superior do HomePod nun efecto ambiental sincronizado coas cores e o ritmo das portadas dos álbums ou dos contidos reproducidos, incluídos os pódcast. O efecto aproveita a matriz de LED integrada nos altofalantes: o HomePod de tamaño completo conta con 37 LED RGB, mentres que o HomePod mini dispón de 19.
A configuración de Sound Glow atópase na aplicación Casa, dentro dos axustes do altofalante correspondente, e require actualizar tanto o dispositivo iOS como o HomePod á versión 27.2. Apple tamén contempla o control mediante a voz, aínda que esta opción depende dun iPhone compatible con Apple Intelligence e da dispoñibilidade das funcións de Siri asociadas.
A actualización amplía ademais as posibilidades de son para o cine doméstico. Co Apple TV 4K de cuarta xeración, os HomePod de segunda xeración e os HomePod mini 2 poden formar un sistema envolvente con catro altofalantes, organizados en dúas parellas estéreo idénticas para as canles dianteiras e traseiras.
A configuración permite combinar catro HomePod de tamaño completo, catro HomePod mini 2 ou dúas unidades de cada tipo. As opcións de son envolvente e audio para toda a sala tamén aparecen na interface de tvOS: a primeira está orientada ás películas e series, mentres que a segunda busca unha distribución estéreo axeitada para escoitar música desde diferentes posicións.
