Apostar polo software libre semella unha boa alternativa para as empresas galegas que queren facerse un oco no mercado, lonxe das ligazóns, dependencias e influenzas das majors e os programas (ata o de agora) dominantes e pechados. Ditou doutro xeito: as fontes libres son unha boa oportunidade de negocio, este tempo que vivimos o axeitado e o galego un inmellorable valor engadido. Así o entende a firma coruñesa Sinnexus, que está a traballar na que ben pode ser a primeira plataforma en galego de software libre para intelixencia de negocio e informática estratéxica: o software Pentaho, unha ferramenta de referencia a nivel internacional.
Este programa de fonte aberta pódese afacer ás necesidades particulares das empresas (precisamente por ter a fonte aberta) e, segundo indican os responsables da adaptación á nosa lingua e da súa distribución en Galiza, inclúe ferramentas como Kettle (para a integración de datos e procesos ETL) ou Mondrian (o motor OLAP), que estarán presentes na versión galega.
Por certo que a nosa lingua será a novena do mundo á que se traduce este software, logo de que se trasladase ó francés, ó español, ó alemán, ó chinés, ó holandés, ó portugués, ó grego e ó ruso. Segundo sinala a empresa Sinnexus, a incorporación do galego é moi temperá (e está que así sexa), posto que vai moi por diante doutras moitas linguas de (teoricamente) meirande peso. Neste intre, o traballo de adaptación aínda non rematou, e a firma anima á comunidade internauta vinculada ó software libre a que colabore nas tarefas. No Foro de Pentaho en galego pódese botar unha man, amais de comprobar o estado do traballo.
Sinnexus lidera a adaptación ó galego da primeira ferramenta aberta de estratexia de negocio na nosa lingua
Compartir Este Artigo
