Tense falado polo miúdo da tensión que existe entre algúns blogueiros e os personaxes, institucións públicas ou empresas das que falan nos seus posts. Porén, semella que non se incide tanto noutro tipo de tirapuxas vinculados ós cadernos web: os que manteñen (nalgúns casos de xeito continuo e case violento) bloggers e lectores, sobre todo nos blogs que teñen un meirande índice de seareiros e, polo tanto, fican máis expostos ós comentarios da comunidade. Un caso salientable deste tipo foi o da escritora Lucía Etxebarría, quen tivo que pechar o seu caderno pola presión á que era sometida por parte dun bo número de lectores: chegou a atopar máis de cen comentarios insultantes dunha soa tacada. Hai uns días, a blogueira Kathy Sierra tamén tivo o seu inferno blog particular ó ser obxecto no seu espazo web de todo tipo de ameazas.
Enrique Dans (que tamén confesa no seu caderno ter endurecido a política no que se refire ós comentarios dos lectores), reflicte estes días unha información recollida por The New York Times que pon de manifesto unha preocupación crecente sobre este problema.
Trátase dunha iniciativa que ben podería significar o principio da fin da liberdade absoluta de movementos dos lectores nos cadernos virtuais dos seus autores favoritos, concepto (o da liberdade de movementos) que soe ser o mesmo que esgrimen os bitacoreiros para varrer textos de fóra que lles ofenden. Referímonos á campaña iniciada polos bitacoreiros Tim O’Reilly e Jim Wales que vai encamiñada a elaborar un código de conduta que faga posible limpar de “lixo” certas comunicacións na Web.
A nova está xa a dividir á comunidade internauta. Por unha banda, están os blogueiros que consideran preciso o dito código coa finalidade de concienciar á sociedade enteira de que as mesmas persoas que non teñen respecto algún polo resto das persoas na vida real están a facer agora o mesmo que facían antes pero no virtual (co agravante de que no virtual escúdanse no anonimato, o que axuda a este tipo de persoas a sentirse máis valentes do que son). Por outra banda, a medida é moi posible que moleste a unha boa parte da comunidade de internautas, para os que calquera medida que vaia dirixida a limitar a liberdade de comunicación nun concepto libre como é o da Rede, debe ser rexeitada de inmediato.
Para ben ou para mal, aquí van os seis principios achegados por Tim O ´Reilly:
1 Asume a responsabilidade non só polas túas propias verbas, senón tamén sobre os comentarios que permites no teu blog.
2 Etiqueta o teu nivel de tolerancia para comentarios abusivos.
3 Considera eliminar os comentarios anónimos.
4 Ignora ós trolls.
5 Continúa a conversa fóra de Internet, fala de xeito directo ou atopa a un intermediario que poida facelo.
6 Se coñeces a alguén que se estea a comportar de maneira incorrecta, faillo saber.
7 Non digas nada en liña que non poderías dicir en persoa.
Novas propostas para un código de conduta para blogueiros e lectores
Compartir Este Artigo
